Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Noticias

A tumba do Batallón Galicia

Comisión pola Recuperación da MH da Coruña, | 3 noviembre 2009

Familiares e historiadores asisten ao enterro do comandante Moreno e de 12 dos seus homes, sete décadas despois do seu fusilamentoO comandante Moreno, líder do Batallón Galicia, e doce dos seus homes terminaron onte o camiño de volta a casa. Aquel que iniciaron en outubro de 1937, tras a caída da Fronte Norte en Asturias, e que se viu truncado no monte do Acivro, onde foron asasinados por falanxistas. Ante a imposibilidade de identificar todos os restos, os 13 corpos foron enterrados no cemiterio da Fonsagrada

A véspera do Día de Todos os Santos, os restos do comandante Moreno, mítico líder do anarquismo coruñés, e de doce dos seus homes foron trasladados ao cemiterio da Fonsagrada (Lugo). A tumba do Batallón Galicia atópase a escasos 15 quilómetros do monte do Acivro, o lugar no que falanxistas da Fonsagrada ocultaron os seus cadáveres tras unha persecución de dous días polas aldeas e bosques limítrofes entre Asturias e Galicia. Familiares, historiadores, investigadores e veciños da Fonsagrada asistiron onte ao acto de despedida de 13 dos 15 integrantes do Batallón Galicia.

O 20 outubro de 1937, día en que caeu a Fronte Norte en Asturias, Moreno tentou regresar á Coruña cos seus homes. O seu obxectivo era chegar á cidade para fretar desde alí un barco co que alcanzar a costa francesa utilizando a infraestrutura que aínda conservaba o sindicato anarquista CNT. Pero o líder do Batallón Galicia foi localizado polos falanxistas no Acivro. Tras unha fuxida de dous días polos montes de Galicia e Asturias, o comandante Moreno e os seus homes foron fusilados e enterrados nunha fosa. Non foi até o verán de 2007, tras varios anos de investigación, cando foi localizado o lugar onde foran sepultados. Onte, familiares, historiadores e veciños da localidade lucense deron por finalizada a fuxida de Moreno e dos seus homes. O camiño de volta a casa do Batallón Galicia termina no cemiterio da Fonsagrada.

No seu recordo, unha placa cobre a sepultura dos que durante máis de 70 anos estiveron sepultados nunha fosa no monte do Acivro. Os actos de homenaxe organizáronse no Concello da Fonsagrada, onde foi recoñecida a honorabilidade e a dignidade dos 15 homes do Batallón Galicia fusilados en outubro de 1937.

Santiago Macías, portavoz da Asociación da Recuperación da Memoria Histórica (ARHM) -grupo do Bierzo leonés promotor das primeiras exhumaciones de fosas da Guerra Civil-, cualificou o acto de «emotivo» para os familiares e amigos do comandante Moreno e dos seus homes.

Tras o acto de homenaxe no Concello, os restos dos 13 integrantes do Batallón Galicia foron trasladados ao cemiterio municipal, onde quedaron depositados nunha tumba baixo unha lápida na que figuran os seus homes e os doutros dous fusilados na zona.

O mito e a lenda do comandante Moreno e dos seus homes segue viva na memoria dos veciños da Fonsagrada, que onte cantaron o romance que de xeración a xeración deu a coñecer as últimas horas do mítico líder anarquista coruñés.

http://memoriadacoruna.com/index.php?view=article&id=486&option=com_content&Itemid=62