Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Agenda

17 de agosto, Día da Galiza Mártir

BNG, | 17 agosto 2011

Un ano máis, o 17 de agosto reuniremonos n’A Caeira para render homenaxe a Alexandre Bóveda, asasinado fai 75 anos a mans da represión franquista

 

Un ano máis, o 17 de agosto reuniremonos n’A Caeira para render homenaxe a Alexandre Bóveda, asasinado fai 75 anos a mans da represión franquista. O seu compromiso coa defensa de Galiza fixo que fora detido, acusado de traizón á patria, condenado a morte nun consello de guerra sumarísimo e fusilado.

Os seus únicos delitos foron ser un dos creadores do Partido Galeguista, elaborar o proxecto do Estatuto de Autonomía, defender a legalidade democrática da República e traballar polo autogoberno e a dignidade do noso Pobo.

Un ano máis, continuaremos a tradición da Irmandade Galega impulsada por Castelao, que declarou o 17 de agosto Día dos Mártires Galegos, unha data na que lembramos os máis de tres mil mortos e desaparecidos na Galiza, a todos os que sufriron e morreron por mor da súa ideoloxía, durante a vergoñenta etapa que marcaría de xeito tráxico o transcurso da nosa historia e truncaría definitivamente a evolución do noso país.

Tamén no 75 cabodano de Alexandre Bóveda, homenaxearemos aos mártires galegos personificados na súa figura, porque el representa o descabezamento dun pobo que empezaba a dar os primeiros pasos na construción colectiva da nosa nación.

Desde a súa chegada a Pontevedra, Bóveda foi o motor de explosión do grupo galeguista. Se Castelao foi o ideador, Bóveda foi o organizador, o traballador incansable que apuntalou as bases do movemento nacionalista.

Era un gran comunicador, unha persoa dialogante; os que o coñeceron falaban de que Bóveda foi quen abriu o Partido Galeguista a toda a sociedade. Fixo que os galegos sentisen orgullo de seren galegos nunha terra libre e dona do seu destino.

A día de hoxe, a nosa patria segue sen un Estatuto que estea á altura daquel que proxectara Alexandre, e no que traballou con vontade de recoller a realidade galega até que o 20 de xullo o golpe militar impedía a súa aprobación nas Cortes.

Apenas un mes máis tarde, Bóveda, xa condenado, declaraba: “a miña vida servirá para acadar adeptos á causa galega. Un ben que aínda despois de morto farei á nosa terra”.

Minutos despois era executado, e con 33 anos Alexandre Bóveda, o motor do Partido Galeguista, o ideólogo da primeira Banca Pública Galega, a figura central do Estatuto do 36, quedaría convertido na chama ardente do nacionalismo galego, no símbolo do traballo incansable pola nosa nación. Enterraban semente.

Un ano máis, reunirémonos ao pé do monumento a Alexandre Bóveda para lembrar as súas derradeiras palabras perante aqueles que o condenaron a morte por «traizón á patria”. A súa declaración final, que lle obrigaron a asinar transcrita ao castelán, dicía:

«A miña patria natural é Galiza, ámoa fervorosamente. Endexamais a traizoaría aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis alá da miña morte. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese».

Do piñeiro onde o arrimaron non queda nada. Mandárono cortar cando os pontevedreses comezaron a levar anacos da súa casca e pitelos como reliquias. Pero as ideas sementadas por Bóveda non poderán ser esnaquizadas. De Alexandre Bóveda quedaranos sempre o rastro inmorrente da súa vida exemplar, o cerne dos seus ideais, o seu nome glorioso na historia de Galiza.

Castelao definiu a Alexandre Bóveda como o home disposto a realizar soños que parecían imposibles e a quen tiveron que asasinar para que non os fixera realidade. O prototipo de cidadán galego, o mártir da liberdade, a estrela máis fulxente das nosas esperanzas. Bóveda é o morto que dará vida eterna a Galiza, porque co seu martirio abriu para sempre a vontade do noso pobo, o desexo de ser e de existir da nosa nación.

Bóveda encarna a traxedia colectiva causada pola represión franquista. Con cada homenaxe quérese rescatar, na súa figura e nas dos demais mártires, as historias dos homes e mulleres que remataron os seus días fronte un pelotón de fusilamento, logo de ser inxustamente condenados a morte en xuízos que deben ser revisados para demostrar a súa flagrante ilegalidade. A verdade corrómpese tanto coa mentira como co silencio, por iso cómpre difundir o relato da verdade, un relato que se conservou na memoria colectiva, pero que precisamos incorporar tamén ó noso patrimonio histórico.

Os galegos e galegas que padeceron o martirio fascista son demasiados. A maioría, anónimos. Ao pé do monumento da Caeira, onde lemos Alexandre Bóveda débense ler tamén os nomes de todos os mártires que morreron por Galiza, polo progreso e polo futuro.

As circunstancias dos asasinatos e o silencio co que se cubriron os asasinatos responden á vontade de acalar a sangrante inxustiza cometida contra o noso pobo, e agora que ao fin contamos cos instrumentos democráticos para saldar esta débeda é a nosa responsabilidade, moral e política, traballar para recuperar as vidas dos homes e mulleres que lle foron arrebatados ao noso pobo, para restituír a dignidade das vítimas que, como Bóveda, foron enterradas dúas veces.

A importancia da memoria radica en subsanar o esquecemento imposto sobre o que está edificado o noso presente. Non se pode permitir que se continúe privando aos galegos e ás galegas de coñecer unha parte fundamental da historia do noso país, quizais polo temor a que a verdade nos faga cuestionar un estado que montou o seu progreso sobre unha terra con tantos cadáveres.

A memoria enmudecera durante décadas, pero finalmente van aparecendo monografías, estudos e accións populares que botan luz sobre os asasinados. A Fundación “Alexandre Bóveda” instituíu o PREMIO GALIZA MÁRTIR a partir do ano 2006 co fin de lle recoñecer a unha persoas, grupo de persoas ou entidades o labor de recuperación da memoria histórica no noso país.

O acto de entrega levase a cabo durante o xantar que ten lugar o propio 17 de agosto, día da Galiza Mártir, no Pazo da Cultura en Pontevedra, após os actos de homenaxe que se lle tributan a Alexandre Bóveda ao longo da mañá na Caeira.

Este xantar insírese no programa de actividades que ten lugar para lembrar o fusilamento de Alexandre Bóveda, que inspirou hai 65 anos á Irmandade Galega de Arxentina, deseñada e capitaneada por Daniel Castelao e Antón Alonso Ríos, para instituír o denominado nun inicios ‘Día dos Mártires Galegos’, co que lembrar as vítimas da represión franquista na nosa Terra.

Este ano, o premiado é o historiador Xosé Álvarez Castro, da asociación pontevedresa de recuperación da memoria histórica “Sempre con vós, cidadanía pola verdade”, e autor do blog “Pontevedra nos anos do medo” que difunde a historia da represión nesta comarca, polo seu compromiso a prol da recuperación da memoria como un elemento de xustiza necesaria, investigando de forma rigorosa e sistemática a represión e divulgando o acontecido nunha época na que milleiros de persoas sufriron e morreron por mor das súas ideas e na que grande parte dos persoeiros do noso país foron forzados ao silencio, ao exilio, á cadea ou fusilados, tinguindo para sempre a nosa historia.

Como dixera Castelao na Alba de Groria “Nos moitos cimeterios de Galicia, durmen os derradeiros mártires da Libertade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cimiterio, como outros tantos clamores de xusticia. Pero no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortaes,  porque non pertence a Historia senón a Tradición en arume de lenda. Bóveda terá de ser nun mañá próisimo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención».

Silvia Díaz

Concelleira de Cultura do Concello de Poio

 

PROGRAMA DO DÍA DE GALIZA MÁRTIR 2011

Intervirán:

Silvia Díaz Iglesias (Concelleira de Cultura)

Xosé Álvarez (Asociación “Sempre con vós, cidadanía pola verdade”)

Fernando Quintela (presidente da Fundación Alexandre Bóveda)

Xosé Luís Bóveda (Vicepresidente da Fundación e fillo de Bóveda)

Amalia Bóveda (En representación da Familia Bóveda)

Luciano Sobral Fernández (Alcalde de Poio)

14:00 h. XANTAR DE ENTREGA DO VI PREMIO DIA DE GALIZA MÁRTIR Á RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA á Xosé Álvarez Castro, da asociación pontevedresa de recuperación da memoria histórica “Sempre con vós, cidadanía pola verdade”, e autor do blog “Pontevedra nos anos do medo” que difunde a historia da represión nesta comarca. No Pazo de Cultura, Rúa Alexandre Bóveda, Pontevedra. A inscrición para o xantar pode facerse na seguinte ligazón:

http://bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/poio/contidos/novas/portada/nova_0024.html?uri=/BNG/poio/seccions/portada/index.html