Agenda
Artículos y Documentos
Federación Foros por la Memoria
Noticias
Videos de Memoria Histórica
Home » Artículos y Documentos

Episodios Galegos. Atención ao virus da desmemoria

Manuel Rivas. El País, 04/11/2011 | 5 noviembre 2011

Houbera un tempo de esperanza cando a resistencia antifascista estaba convencida de que a caída de Hitler e o nazismo levaría a do seu socio Franco

 

MANUELRIVAS

Atención á pandemia. Vaise espallar de novo o virus da desmemoria! O efecto deste virus nos humanos é semellante ao que producen os chamados troianos nos discos duros dos ordenadores. Ocúltanse na espesura e agardan o mellor intre para asaltar e desactivar as redes da lembranza. Un propósito confeso do previsíbel partido vencedor das vindeiras eleccións xerais é o de poñer fin, dende as institucións e dos medios de comunicacións públicos que pasen a controlar, ao chamado proceso da “memoria histórica”. Vai significar isto a desaparición da historia e das referencias históricas nos discursos? Imos ter historia a fartar. Unha enxurrada de historia. Unha paisaxe bufa, en flash-back de capirotes (carapuchos) e mantillas. E na pantalla da España enmofada, como quen di, xa non se volverá a poñer o sol. Algo así.

Non sei o que estoutros farán coa historia. Alá eles. Mais eu, nun día como o de hoxe, vou falarlles de dous homes que forman parte da “realidade intelixente”, esa sutil denominación coa que o doutor Nóvoa Santos nomeaba o incerto lugar da inmortalidade. Non, o virus da desmemoria non poderá fulminar a memoria de Manuel Ponte, quen na máis dura posguerra presidiu os berros da noite en montes e fragas liberadas. Homenaxeado onte nun acto na Coruña, Ponte, o xastre guerrilleiro, é célebre na historia antifascista.

E que poderá facer o virus da desmemoria contra Manuel Díaz González, O Pequeniño do Incio, O médico dos pobres? A súa historia é unha das máis estarrecedoras de cantas se produciron no xenocidio sufrido polos republicanos galegos. Afectado na infancia por unha doenza que lle freou o crecemento, o doutor Díaz foi pioneiro da medicina social en Galicia. El, que salvou vidas e vidas, foi martirizado do xeito máis cruel. Aínda hoxe non hai nada que o lembre no Incio, agás a memoria que agroma na terra como ouro da natureza. É asombrosa a estratexia da memoria para reencontrar o esplendor desas presenzas fanadas, para cavar no oculto. Tarde ou cedo, sempre acha un mediador. E no caso do Médico dos Pobres foi un sobriño criado en México, o tamén doutor José Luis Díaz Gómez (e prestixioso investigador da UNAM, Universidade Nacional de México) o que reconstruíu a vida, paixón e morte desa ánima inesquecíbel no libro Sementeira e memoria, de Edicións do Castro (hai edición recente en castelán, ampliada, e publicada por Fondo de Cultura Económica). O doutor Manuel Díaz foi cazado por unha cuadrilla falanxista, atado ao rabo dunha besta, arrastrado durante quilómetros, amputáronlle un dedo para roubarlle o anel, e finalmente cribárono nunha gabia do camiño de Laiosa ao Incio. E todo por ser home libre, republicano, e médico solidario. Malia o desinterese das institucións que deberían honralo (foi tamén concelleiro), o virus da desmemoria foi desactivado e os días 25 e 26 de novembro farase unha homenaxe popular ao gran Pequeniño do Incio.

Cando alguén dende a dereita pregoa que “non hai que andar a remover a historia” o que en realidade está dicindo é que “non hai que tocar a ditadura”. Eu ao primeiro, cando oía iso de non “remexer na historia” pensaba que se referían á teoría da orixe e evolución das especies de Charles Darwin. É dicir: non falemos de cando eramos primates. Como aquela dona inglesa que asistiu nunha selecta sociedade científica a unha das primeiras conferencias sobre darwinismo e declarou no coloquio: “Pode ser certo que sexamos da familia dos chimpancés, pero, ora o demo!, iso que quede entre nós. Non hai porque ir contándoo por aí”.

Así que eu pensaba que o de non remexer a historia era un convite a non perder o tempo no remoto pasado, cando os animais falaban. Mais non. A teima por esquecer e tapar, a obsesión por anestesiar a memoria, tiña de ver coa historia contemporánea, e mais en concreto con grande parte do século XX. Cando vida e historia se entrelazan. Cando aínda podemos “rememorar”, é dicir, cando aínda podemos curar as sombras, rescatar as faíscas de esperanza, e honrar o gran partido da humanidade.

É unha mágoa que o prexuízo, o sectarismo e a insensibilidade caeran como padas de terra sobre a tarefa humanitaria, curadora, que significa a “memoria histórica”. Non debería ser endexamais un asunto de esquerda e dereita. A verdade, a xustiza e a reparación verbo dos danos causados polo fascismo en España non é materia de siglas políticas senón de conciencias humanas. Por iso, fronte a isto, como fronte aos crimes terroristas, só hai dous partidos verdadeiros: o da humanidade ou o da inhumanidade.

A Odisea, a primeira gran obra literaria da historia, trata en realidade do proceso de reconstrución da memoria. Esa é a verdadeira viaxe de Ulises. Ítaca e o lugar onde a memoria leveda en esperanza. Nos atrancos do camiño, hai compañeiros de Ulises que prefiren perder a memoria para non ter problemas, como ocorre cos que aceptan comer o froito do loto, aínda sendo advertidos de que esquecerán todo, mesmo o seu nome.

“Non remover a historia”, velaí a consigna hipócrita. Porque o que significa de verdade: “Non removades esta historia”. E que historia é esa que non se debe remover? A historia incómoda, indócil, a historia dun pobo indómito que non aceptou a escravitude e as cadeas, a historia das voces baixas que resistiron a maquinaria esmagadora da ditadura, cando ninguén no mundo daba un peso de confianza na loita pola liberdade (Estados Unidos abandonou aos demócratas españois a cambio das bases militares cedidas por Franco, ese patriota que vendeu a soberanía para manterse no poder, e que o día da visita do presidente Eisenhower a Madrid soltou a frase histórica: “Agora si que ganamos a guerra”).

Houbera un tempo de esperanza cando a resistencia antifascista (no monte, no cárcere, no exilio) estaba convencida de que a caída de Hitler e o nazismo levaría a do seu socio Franco. Mais a xeopolítica da guerra fría cambiaría o xogo. E iso ten de ver cun dos actos máis sorprendentes da historia da resistencia en Galicia. A carta que Manuel Ponte, daquela xefe da IV Agrupación de Guerrilleiros de Galicia, fixo chegar ao embaixador do Reino Unido en España, durante a visita que este fixo en 1946. Nesa carta, Ponte referíase a cinco loitadores aforcados eses días en Lugo e Pontevedra, e sinalaba: “Eran cinco antifascistas galegos, dos que, co risco da súa vida, impediron que moitas toneladas de volframio foran para a industria de guerra nazi. Eran cinco galegos, deses que a miles serviron de pasto ás quenllas para que os barcos ingleses e norteamericanos puideran levar soldados e armamento ás cinco partes do mundo. E eses cinco mártires foron aforcados polo cómplice de Hitler, mentres Vde., Mister Mallet, estreitaba as mans ensanguentadas dos verdugos falanxistas”.

Esa carta, escrita por un home humilde, aquel xastre valente de Ordes, debería ser estudada polos estudantes nos institutos de Galicia. Sería un bo antídoto para o virus da desmemoria.

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Episodios/Galegos/Atencion/ao/virus/da/desmemoria/elpepiautgal/20111104elpgal_17/Tes