Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Agenda, Artículos y Documentos

De Bóveda a Ánxel Casal, días da memoria

Praza Pública, 17 Ago 2012 | 18 agosto 2012

Querían enterrar cadáveres, pero enterraban semente», escribiu Castelao

 

«Querían enterrar cadáveres, pero enterraban semente», escribiu Castelao. 76 anos despois dos asasinatos sistemáticos realizados polos fascistas nas primeiras semanas da sublevación contra a democracia republicana en 1936, a lembranza dos nomes e das persoas que morreron ou foron represaliadas pola súa militancia ou polas súas ideas segue viva, e un verán máis diversos actos en toda Galicia homenaxean a súa memoria. Moi especialmente esta fin de semana.

Este venres celébranse varias homenaxes a Alexandre Bóveda, executado en Poio o 17 de agosto de 1936 e o domingo Cacheiras acolle un acto de lembranza ao alcalde compostelán Ánxel Casal, que foi paseado un 19 de agosto. Ademais, o sábado ADEGA e O Galo organizan na Ulloa unha homenaxe ás vítimas da represión. En Palas de Rei serán homenaxeados Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño e en Toques recordarase a Ramón Rodríguez Varela (O Curuxás), Marcial Villamor Varela e a Delfino Liñeira Fraga (Ferroviario).

Venres: Alexandre Bóveda
Este venres está dominado polos actos de lembranza a Alexandre Bóveda, un dos representantes máis destacados do Partido Galeguista durante a Segunda República e motor do Estatuto de Autonomía de 1936. Bóveda foi executado en Poio o 17 de agosto de 1936, día que dende entón se conmemora como Día da Galiza Mártir. A Fundación Alexandre Bóveda organiza os actos centrais de homenaxe, este mediodía no concello pontevedrés, coa intervención de Miguel A. Lores (alcalde de Pontevedra), Luciano Sobral (alcalde de Poio) e Amalia Bóveda (en representación da familia Bóveda). A seguir, nun xantar institucional entregarase o VII Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica a Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e a Baldomero Francisco Iglesias Dobarro (Mero).

Pola tarde, ás seis celebrarase un acto relixioso na Capela de Santo Amaro (Pontevedra) e ás sete un acto cívico diante do sartego de Bóveda no mesmo cemiterio da parroquia, coa participación de Mini e Mero. Finalmente, a partir das oito e media haberá un acto político do BNG na Praza Curros Enríquez de Pontevedra, coas intervencións de Ernesto Vázquez, Valentín Bóveda e Francisco Jorquera. Non será o único acto que organice o Bloque este venres, con lembranzas a Bóveda na Coruña ou no Grove. Así mesmo, os nacionalistas organizaron este venres actos de homenaxe a Ánxel Casal en Compostela, a Antolín Faraldo en Betanzos.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia organiza tamén unha homenaxe a Alexandre Bóveda en Pontevedra. Será a partir das seis da tarde no Cemiterio de Santo Amaro coa participación de Xoán Bascuas, Sandra Araúxo, Rafael Cuíña, Xaime da Pena e Xoán Antón Pérez Lema.

O sábado celébrase na comarca da Ulloa un conxunto de actos de lembranza ás vítimas da represión, organizados por ADEGA e a Asociación Cultural “O Galo” de Compostela

Finalmente, tamén este venres outros colectivos organizan actos de lembranza. Por exemplo, a Comisión pola Memoria Histórica da Coruña organiza a partir das seis da tarde en Vilarmaior, no cemiterio de San Pedro de Grandal, unha homenaxe ás persoas alí fusiladas e soterradas. E na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda realizará un acto ás oito da tarde no paseo que leva o nome do galeguista, na zona de Catro Camiños.
Sábado: A Ulloa
O sábado celébrase na comarca da Ulloa un conxunto de actos de lembranza ás vítimas da represión, organizados por ADEGA e a Asociación Cultural “O Galo” de Compostela. Comezarán ás dez e media da mañá en Sá (Palas de Rei), no lugar onde apareceran os corpos sen vida do Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño. Despois, a comitiva desprazarase a Toques, onde se homenaxeará a Ramón Rodríguez Varela (O Curuxás), Marcial Villamor Varela e a Delfino Liñeira Fraga (Ferroviario). A partir das dúas da tarde haberá un xantar na Eira da Xoana. E ás cinco inaugurarase un monólito en honra aos “fuxidos” coa presenza de Mini e Mero.

Domingo: Ánxel Casal
Ánxel Casal, impresor e alcalde compostelán, foi paseado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras (Teo). O domingo realizarase no Montouto, diante do monolito erguido na súa memoria, unha ofrenda floral a partir das oito e media da tarde. No acto, que completará unha fin de semana de actividades de homenaxe a Casal en Teo, participarán Martiño Noriega, alcalde do concello teense e tamén o rexedor de Arzúa, José Luís García.
http://praza.com/movementos-sociais/1757/de-boveda-a-anxel-casal-dias-da-memoria/