Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

«Unha sociedade democrática non pode basearse na mentira»

La Voz de Galicia, 26 de agosto de 2012 | 29 agosto 2012

Juan Hermida, Presidente da Comisión pola recuperación da memoria histórica

 

ÁLVARO SEVILLA. RIBEIRA / LA VOZ

O mestre defende a dignificación das vítimas en base ao coñecemento

 

A busca da verdade é unha das prioridades para calquera historiador. No caso do profesor Juan Hermida, a súa meta é coñecer con exactitude os acontecementos que fixeron tremer España tralo levantamento militar do 36. Para cimentar o relato sobre o que se sustenta o pasado do país, este mestre de historia conformou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, unha organización que buscará aclarar o acontecido no Barbanza despois do levantamento franquista.

-¿Cando nace a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica?

-Nace dunha serie de encontros e reunións de xente preocupada pola historia do Barbanza. Comezamos a xuntarnos a raíz duns actos centrados na Segunda República e na Lei da Memoria Histórica. Pensamos que isto non era suficiente e que debíamos dar un paso máis, polo que conformamos a asociación.

-¿Cal é o obxectivo?

-Recuperar a memoria histórica de Galicia, especialmente a do Barbanza, na que hai un gran esquecemento. Queremos divulgar a memoria dos cidadáns que tralo levantamento militar do 36 foron asasinados, pasaron á resistencia armada, foron perseguidos ou tiveron que emigrar. Queremos coordinar e axudar a todos aqueles que fagan actividades a favor da memoria histórica. Pretendemos buscar a verdade, unha sociedade democrática non se pode basear na mentira e no esquecemento.

-¿Cal é a historia que agocha o Barbanza?

-Deuse unha imaxe historicamente falsa. O relato dos vencedores é dominante, existe a idea de que no Barbanza non pasou nada. En cambio, as investigacións sobre a comarca confirman que houbo tódalas formas de represión posibles: paseados, fusilados, encarcerados, multados ata a ruína. Durante moito tempo, os fillos e as viúvas eran estigmatizados publicamente por ser fillos dos «roxos».

-¿Houbo campos de concentración por esta zona?

-O Barbanza foi un lugar de sufrimento, houbo campos de concentración en Muros, na Pobra, en Rianxo. Debemos construír o relato veraz, mostrar o que aconteceu a partir da investigación histórica e non da falacia. Cando vemos os datos do maior campo de concentración de España, en Miranda do Ebro, aparecen nomes de veciños da zona.

-¿Cal podería ser o primeiro paso da comisión?

-Hai moitas cousas que facer no referido á simboloxía franquista. Debemos construír uns espazos públicos para todos. Mentres a simboloxía estea aí estaremos falando de exclusión, de vencedores contra vencidos.

-¿Están en consonancia con outras asociacións?

-É un elemento clave destes organismos, colaborar forma parte do noso ADN. As comisións que comezan son axudadas polas que xa levan traballo feito.

-¿Agocha algunha experiencia persoal que o motivara na creación da comisión?

-Cando traballaba en Ferrol, tiven acceso a un arquivo de fusilados, nel aparecían nomes de xente do Barbanza que fora asasinada. Tirando da corda cheguei ata á familia dun dos paseados. Cando cheguei a Ribeira tratei de poñerme en contacto con esta familia. Din con dúas anciás, fillas deste asasinado, que en 70 anos nunca recibiran información sobre o acontecido co seu pai. Recordarei sempre a cara das dúas cando fun á súa casa e lles din a información que tiña sobre o seu pai. Logo leveinas a Ferrol, fomos visitar a tapia onde o fusilaran. Cando viron fisicamente o último lugar onde estivo vivo botaron a chorar. Unha delas confesou que xa podía morrer en paz. Foi unha experiencia que me fixo pensar en toda esa xente que leva media vida intentando enterrar aos seus seres queridos.

-¿Estes mártires morreron dúas veces?

-Obviamente, a represión foi dobre, por un lado matáronos e por outro obrigaron a esquecelos. Durante moito tempo foi así, pero estase tratando de recuperalos.

-¿Estamos máis preto da historia verdadeira?

-O relato do franquismo está baseado na ocultación, na mentira. Estamos moito máis cerca porque o traballo que se está facendo é un traballo sustentado na documentación, nas evidencias, nos arquivos militares, nos censos.

-¿Cal é a importancia de esclarecer o pasado?

-Calquera sociedade democrática non pode ter unha base sólida si se basea no esquecemento. Hai que estudar o que pasou, dignificar ás vítimas, en base ao coñecemento. Non se pode silenciar a memoria, non se pode construír unha sociedade de vencedores e vencidos. Buscamos loitar contra todo isto.

«O traballo que se está facendo está sustentado na documentación, nas evidencias»

«A represión foi dobre, por un lado matáronos e por outro obrigaron a esquecelos»

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2012/08/26/unha-sociedade-democratica-non-pode-basearse-na-mentira/0003_201208B26C11991.htm