Agenda
Artículos y Documentos
Federación Foros por la Memoria
Noticias
Videos de Memoria Histórica
Home » Artículos y Documentos

Franquismo Nunca Màis. Rescatemos o Pazo de Meirás!!!

CRMH, | 21 noviembre 2012

20 de Novembro de 2012, 37 aniversario da morte do ditador Franco

 

 

COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA

 

20 de Novembro de 2012: 37 aniversario da morte do ditador Francisco Franco

FRANQUISMO NUNCA MÁIS: RESCATEMOS O PAZO DE MEIRÁS

 

Disque cando se pasa dos 37 graos o corpo humano pode padecer ese mal que adoitamos chamar febre. Pois ben, parece que a nosa democracia padece dese mal, xa que van 37 anos que morreu o ditador, e aínda quedan vixentes determinados exemplos do seu poder. Por exemplo, co incumprimento por parte do goberno do Partido Popular da chamada lei da memoria histórica, facendo posible que aínda sexa posible ver os rueiros das nosas cidades, pobos e vilas inzados de nomes que cheiran a simboloxía franquista que alcatrean. E tamén coas acomplexadas medidas que toma o goberno do PP, que é quen de renovar aos herdeiros do sanguinario xeneral Queipo de Llano o título nobiliario que lle concedera Franco, por entender o actual goberno que o devandito xeneral fora merecedor de tal distinción. Lembremos que foi Queipo de Llano quen fixo un chamamento, entre outras atrocidades, á violación das mulleres dos “rojos maricones”. Este goberno tampouco se avergóña de glorificar a úns militares colonialistas, como os que foron derrotados na batalla de Annual, en Marrocos e no ano 1921 –hai máis de 81 anos-, cando están día sí e día tamén decindo que hai que pasar páxina e non volver ao pasado cando se pide verdade, xustiza e reparación a tódalas vítimas do totalitarismo franquista.

Polo que aínda 37 anos logo da morte de Franco está patente a falla de resposta por parte do Estado español diante dos crimes cometidos polo franquismo. Tamén está pendente a solución definitiva a estes crimes. Seguramente, porque o goberno do PP ten outras prioridades: lexislar máis para favorecer ós bancos que ás persoas. Este goberno está formado polos mesmos que a cotío recortan dereitos laborais, económicos e liberdades públicas, dereitos conseguidos en máis de 150 anos de loitas obreiras e populares. E son os mesmos que manteñen, xustifican e toleran a unha caste de privilexiados no papel de máximos dirixentes do estado español, unha familia real e unha monarquía cada vez máis impopular polos innumerabeis desmáns que nos últimos anos están a facer. Unha monarquía que foi posta “a dedo” polo ditador Franco, unha monarquía que actualmente está absolutamente desfasada e obsoleta.

O PP ten un clarísimo problema: non ter superado o franquismo. Por iso, neste 37 aniversario da morte do ditador, teñen unha fermosísima ocasión de demostrar dunha vez que isto é unha verdadeira democracia, non vencellada e debedora da ditadura franquista. E, en troques de andar a rescatar bancos, fagan dunha vez posible o RESCATE DO PAZO DE MEIRÁS PARA O POBO GALEGO. O Pazo que foi roubado pola familia Franco e que aínda están a desfrutar gratis os seus descendentes. Xa que foi –segundo eles mesmos dín-, un regalo do pobo galego (unha doazón a “man armada”) ao xefe do estado -entón o ditador Francisco Franco-, e xa que este morreu, debe de ser o estado español mediante as suás institucións quen debe de recuperar o Pazo de Meirás para o disfrute da poboación.

A Comisión pola Recuperación da Memória Histórica da Coruña (CRMH), pedimos aos nosos gobernantes que non rescaten aos bancos usureiros cos diñeiros de todas as persoas traballadoras deste país, e que fagan un exercicio democrático rescatando o Pazo de Meirás para o aproveitamento público do mesmo. E que se faga xa, pois tampouco é de recibo que 37 anos logo da morte do ditador aínda teñamos que aturar que os seus descendentes gocen do roubo do seu familiar ditador, asasino e criminal.

20 NOVEMBRO 2012: RESCATE DO PAZO DE MEIRÁS PARA O POBO!!!

TOLERANCIA CERO CO FRANQUISMO!!