Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Agenda, Noticias

“Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939)”

Nomes e Voces, | 4 enero 2013

Proxecto de investigación

Memoria explicativa do Proxecto
A captura e recollida de información tivo un papel determinante na construción do ‘Nuevo Estado’, e por en consecuencia, do mesmo réxime franquista. Toda a sociedade tiña que estar baixo sospeita. E aquí non se fai distinción, aínda que é certo que na aplicación das penas ou castigos non ten punto de comparación. Mais o obxectivo dos sublevados era dar a sensación de que o Estado era unha especie de ‘gran hermano’ vixiante. Non se admitía o debate, nin a discrepancia, nin a controversia. Todo era oficial. Só había unha única opinión, amplificada logo nunha cadea social de trasmisión xerarquizada…

A autoconciencia de formar parte deste engrenaxe social, auspiciada e fomentada dende as altas instancias, foi fundamental para entender un xeito de funcionamento tan prolongado no tempo da ditadura. Cadaquén tiña o seu papel nesta nova sociedade. Mais o modelo non podía ser cuestionado, porque non había outro, non había alternativa…

Este traballo vai cara ás novas xeracións educadas na cultura democrática actual aos que cando se lles fala do franquismo lles queda moi, moi lonxe. Precisamente por iso, o seu afastamento permite difundir a través dos medios certas imaxes desfiguradas e desenfocadas do que representaron aqueles corenta anos na historia do século XX español. De feito, boa parte deste equipo investigador pertence a esas novas xeracións. Novos historiadores, novas formulacións e sobre todo, o afastamento da percepción daquela realidade. Porque disto fala a obra: de perdas e de achados. Dunha sensación de normalidade difundida insistentemente durante aqueles anos que agachaba unha realidade distinta, dramática e cruel. Unha marca de imaxe do franquismo de ‘paz social’ aparente, mais non real.

«Limiar» de Emilio Grandío Seoane, en Vixiados. Represión, investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939), Laiovento, 2011.

As investigacións referentes á represión franquista en Galicia aportaron unhas liñas de investigación que están sendo continuadas por investigadores e profesionais de diferentes ámbitos -universidade, asociacionismo….-. Desde este proxecto pretendemos achegar á cidadanía os resultados da investigación a través do especial de contidos que presentamos na web.

Os servizos de información e vixilancia conforman uns dos piares máis importantes e ao tempo máis descoñecidos da guerra civil española. Até agora a maioría de estudos realizados inciden na represión, sen embargo, a pescuda sobre o enorme volume represivo está falto, ás veces, doutros ingredientes para explicar precisamente as súas dinámicas e estratexias: as estruturas de vixilancia e os procesos de control social. Desde a xeración dun exhaustivo aparato de información de variadas procedencias até a aceptación do mito das denuncias “anónimas”, xa utilizadas nos anos da Ditadura de Primo de Rivera na década dos vinte. Constatamos un amplo repertorio de fórmulas e procedementos de vixilancia co obxectivo de executar unha maior represión social.

En definitiva, co proxecto de investigación “Vixiados. Represión,investigación e vixiancia na Galicia da Guerra Civil (1936-1939)” entramos noutro chanzo máis da escada represiva construída polo réxime franquista: a que converteu a uns cidadáns en potenciais espías e a outros en potenciais delincuentes. Así, o principal obxectivo do proxecto do que agora presentamos neste especial web é o estudo dos procesos de investigación, vixilancia e control social en Galicia durante os anos da guerra civil, as consecuencias que este feito tivo para a poboación nese preciso momento histórico e as influencias que posteriormente se aprecian entre a cidadanía no intre en que a intensidade desta vixilancia foi menor.

Esta investigación, así como a posibilidade de amosala aos interesados tanto nun formato clásico en libro como apoiándose nas novas fórmulas de comunicación grazas á web do proxecto “Nomes e Voces” non sería posible sen o apoio do Ministerio de la Presidencia do Gobierno de España a través da subvención destinada a actividades relacionadas coas vítimas da guerra civil e do franquismo na convocatoria de 2010.

O equipo de traballo do Proxecto Vigilados. Represión, investigación y represión en la Galicia de la guerra civil (1936-1939) está formado por Emilio Grandío Seoane, Profesor do Departamento de Historia Contemporánea da USC; os Investigadores Jorge Pantaleón Cadilla, Mª Jesús Martínez Domínguez e Gustavo Hervella García; Rosalía Regueiro, Licenciada en Historia e Máster en Historia Contemporánea, Manuel Pérez Lorenzo, Investigador especializado na represión franquista; Pilar Mera Costas, Licenciada en Ciencias da Comunicación e Máster en Historia Contemporánea;Javier Rodríguez González, Profesor de Historia contemporánea da Universidad de León, especialista en poder local no franquismo.

http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion/vixiados/