Agenda
Artículos y Documentos
Federación Foros por la Memoria
Noticias
Videos de Memoria Histórica
Home » Artículos y Documentos

A Caeira homenaxea a Bóveda e lembra que a súa luz segue acesa

Sermos Galiza, 17-08-2013 | 18 agosto 2013

alexandre-boveda_1A tradicional ofrenda floral organizada pola Fundación Alexandre Bóveda homenaxeou a figura do ilustre galeguista fusilado hai 77 anos polo fascismo español

 

“Enterraron semente” mais esta segue guiada “pola mesma estrela vermella que guiou a Bóveda”, afirmou o alcalde de Poio no acto

OLALLA “A festividade do día vese nublada por unha noticia terriblemente inxusta e feroz: a da condenación a morte do Bóveda e do Guiance, ¡será posible que Deus consinta que se cometa ise horrendo crime de axusticiar a dous inocentes! Se en Galicia houbese homes conscientes abondaba a morte do Bóveda pra que se erguesen ata as pedras”.

Así narraba nas páxinas do seu diario Xosé Ramón Fernández-Oxea, ‘Ben-Cho-Shey’, a nova da condena a morte de Alexandre Bóveda. Era o 15 de agosto de 1936. O militante e fundador do Partido Galeguista en Lugo deitou no seu caderno as impresións e sentimentos que lle produciron saber da detención, xuízo e posterior fusilamento do ilustre galeguista.

“Por fin consumouse a meirande inquinidade co asesinato do Bóveda. ¡Probe irmán!” continúa escribindo Ben-Cho-Shey o 18 de agosto, un día despois do asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira. “Non repararon na súa ceguedade que o sangue vertido heroica e santamente pol-o noso mártir será a millor semente pra redimir a iste pobo”.

Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, documentou nas páxinas do seu diario o fusilamento dun home “entregado á causa da redención de Galicia”, como el propio afirmou. O seu diario constitúe un documento de extraordinario valor sobre a represión fascista en todo o país.

Este 17 de agosto, 77 anos despois, a Fundación Alexandre Bóveda lembrou máis unha vez ao nacionalista alí onde o fascismo español puxo fin á súa vida. Os actos de homenaxe prolongaranse durante toda a xornada na conmemoración do Día da Galiza Mártir.

Soterraron semente

Ao acto –do que tomaron parte ducias de persoas– acudiron representantes institucionais do Concello de Poio como o seu alcalde, Luciano Sobral e a concelleira de Cultura da localidade, Silvia Díaz. Mais tamén, o presidente da Fundación Castelao Carlos Mella, quen lembrou a figura do ilustre galeguista e instou ao pobo galego a continuar traballando polas mesmas ideas que Bóveda loitou.

Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, chamou a continuar adiante coas ideas polas Bóveda traballara

“Non podemos deixar pasar a oportiunidade” asegurou Mella de pular pola expresión pública e política de Galiza que tanto custou erguer a Bóveda e que tivo entre as súas expresións a redacción do Estatuto de 1936. Un texto que ergue a Galiza de hoxe como unha nación histórica.

“As ideas de Bóveda seguen presentes” lembrou o rexedor nacionalista, Luciano Sobral, quen empregou as verbas do amigo e compañeiro de Bóveda, Alfonso, D. R. Castelao para dar conta de que a loita do nacionalista continúa. “Enterraron semente”, afirmou en referencia @s presentes na homenaxe, unha semente que agromou e “está guiada pola mesma estrela vermella” que alumeou a Bóveda. Esa que el mesmo debuxou para que presidise a súa sepultura.

O alcalde de Poio, o nacionalista Luciano Sobral, afirmou que a “semente” de Bóveda agromou e continúa coa súa loita

O momento máis emotivo do acto, veu da man da súa filla Amalia. En representación da familia, Amalia Bóveda agradeceu ao pobo galego que continúe homenaxeando ao seu pai 77 anos despois do seu asasinato mais instou a que o Día da Galiza Mártir, cada 17 de agosto, non sexa só un recordo para Bóveda senón “para todos os represaliados” que coma seu pai foron asasinad@s, pasead@s, torturad@s, violadas e silenciadas por loitaren pola liberdade.

Amalia Bóveda pediu que o 17 de agosto non se lembre só ao seu pai senón a tod@s @s represaliad@s

Unha ofrenda floral no seu recordo

O acto concluíu coa tradicional ofrenda floral aos pés do monumento que lembra o lugar onde Alexandre Bóveda caeu abatido polo pelotón de fusilamento que lleu morte. Aos ramos das Fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, xunto coa da propia familia do galeguista, sumouse nesta ocasión –epor vez primeira– a achegada polas Asociacións pola recuperación da memoria de Pontevedra, Marín, Cangas, Bueu e Vigo.

Para rematar, a Escola tradicional de gaitas de Poio entoou o himno nacional galego que deu por concluído o acto.

http://www.sermosgaliza.com/artigo/memoria/caeira-homenaxea-boveda-lembra-sua-luz-segue-acesa/20130817145052018201.html