Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

“Faltou vontade política do tándem EE.UU.-Gran Bretaña para levar a democracia a España cun bloqueo económico”

Montse Dopico, 12/05/2014 | 18 mayo 2014

Franco y Hitler los dos mayores hijos de putaEra incoherente que as grandes potencias acabasen aceptando o franquismo, malia o seu pasado de colaboracionismo co nazismo

 

Era incoherente que as grandes potencias acabasen aceptando o franquismo, malia o seu pasado de colaboracionismo co nazismo. Mais fixérono. Porque pesou máis e xeopolítica que outra cousa, no contexto da guerra fría.

Rematada a Segunda Guerra Mundial, a oposición antifranquista agardaba que as cousas cambiasen. Mais a virtual intervención aliada para acabar co réxime non se produciu. E unha serie de circunstancias combináronse para posibilitar a súa continuidade. Entre elas, a guerra fría e as consideracións xeoestratéxicas que pesaron máis que a ideoloxía no comportamento das grandes potencias. Emilio Grandío e Javier Rodríguez coordinan ‘Derribar a Franco. Oposición al régimen y guerra fría en el noroeste de la Península Ibérica’, (Eneida), un libro que analiza todas estas cuestións. Falamos con Grandío.

En ‘Derribar a Franco’ desenvolvedes algunhas cuestións que xa se apuntaban en ‘War Zone’, sobre o tempo da Segunda Guerra Mundial. Que liñas estás a investigar agora?

Hai moitos ocos aínda por acometer na historia do século XX en Galicia. Un grande apartado é o franquismo. Catro décadas. Case a metade. É imposible que neste tempo o réxime non sufrira unha evolución, que non mudara de pel, aínda que continuara a esencia do seu poder. Na Segunda Guerra Mundial Galicia xogou un papel estratéxico fundamental no rumbo do conflito (xeográfico, económico…). O que poucos saben é que mesmo unha das invasións aliadas puido ter lugar polas rías do norte de Galicia.

Pero a súa localización como fronteira marítima e con Portugal tamén facilitaba a existencia dunha tupida rede de intelixencia aliada e do Eixe, que se crea antes do conflito e que continúa despois, con distinta intensidade. Este ‘Derribar a Franco’ tenta presentar a oposición ó réxime tras o remate do conflito: a acomodación do franquismo á nova realidade. A súa mutabilidade é unha clave da súa duración. A súa preeminencia da práctica sobre a teoría permitía mudar de papel e pasar xusto a partir de 1945 da cor azul fascista ó crucifixo católico en base ó traballo dun Martín Artajo como ministro de Asuntos Exteriores. Interésanme sobre todo dúas claves no meu traballo investigador: as diversas formas de control do franquismo -non só baseado en procesos represivos- e o proceso de pervivencia ou desaparición da idea da República como democracia, ó longo deses corenta anos e ata a transición.

No contexto da guerra fría, contades no libro, as consideracións xeoestratéxicas impuxéronse sobre as ideolóxicas. Pesaba máis o anticomunismo de Franco que a contradición que supoñía que fose unha ditadura de inspiración fascista que colaborara co nazismo. Por que era tan importante España desde o punto de vista xeoestratéxico?

Era importante por Gibraltar, pola costa galega que era a autoestrada dos mercantes e barcos no Atlántico, así como dos avións. Ademais da península como porta para África e Portugal e peza clave do Mediterráneo. Claro que pesaba máis o anticomunismo xa que os nazis xa non eran perigo latente. Os sectores británicos e aliados están pensando antes de rematar a guerra no novo mundo europeo occidental. Unha nova realidade bipolar. Os obxectivos estratéxicos de España seguían aí, e senón só hai que ver o interese dende o primeiro momento pola instalación das bases americanas, dos portos de refuxio da frota americana e, posteriormente, nos anos setenta. a entrada na OTAN como contrapunto do Mercado Común Europeo.

O Foreign Office temía que voltase a guerra a España e desestabilizase todas as democracias de arredor. Non confiaba en que houbese base social para sustentar a volta da república. Pesaron máis os propios intereses británicos ou unha análise seria sobre as posibilidades reais de restaurar a lexitimidade republicana?

Claro que pesan os obxectivos dos aliados. O primeiro no que pensan é na restauración da monarquía borbónica. Secundariamente como mal menor: un reino sen rei, a Lei de Sucesión franquista. Un estado de stand by dirixido por un mal menor, un ditador. Non é tan raro a outras formulacións que se realizaron dende os Estados Unidos. Mais a situación da poboación non era precisamente de botarse ás armas, senón a guerrilla tería maior intensidade. Eran anos de fame, de miseria, de sobrevivir. A xente afíxose durante dez anos a unha situación de conflito e a propaganda do franquismo ía no camiño de que cando menos con eles non habería cambio. E os cambios sempre xeran conflito.

O que non querían era unha república como a do 31, que implicaría menor control sobre o seu posicionamento estratéxico. Por outra banda, non é tan diferente a situación de partida de desunión da oposición do ano 45 que a do ano 75, e unha transición á democracia funcionou e outra non. Hai que preguntarse por que. Tamén hai que ter en conta que o franquismo domina por enriba, non só da súa poboación senón tamén do exilio. Sempre tiveron información, sempre houbo contactos: coa oposición democrática en xuntanzas clandestinas, mesmo coa republicana; con Don Juan;… Franco e o franquismo sempre estaba aí, mudando de cor cando interesaba, recollendo información e logo decidindo.

Os británicos desconfiaban, precisamente, dos republicanos pola súa falta de unidade. Dubidaban de que o goberno republicano no exterior “representase a alguén”. Cales foron os obstáculos para acadar esa unidade?

Como che dicía, non hai tanta diferencia no que se presenta como desunión. Os motivos son variados. O propio carácter da esquerda máis reacio á unidade de acción; débedas pendentes do trauma da derrota na guerra; a situación de miseria e percepción de abandono por parte das potencias occidentais… Mais, por enriba de todo, quero crer que a quen non lle interesaba esta unidade era á monarquía que tiña a pretensión de suceder a Franco -e fíxolle agardar á súa morte- e ó propio franquismo que estaba por enriba de todo orientando as demandas e necesidades do retorno da democracia a España.

Claro que representaba a alguén o goberno republicano no exilio: boa proba delo foran as conversas en secreto que mantiveron representantes deles con sectores franquistas. Cando menos ata 1949 é un feito. O que máis o consideraba era o franquismo, ata o punto de que producise un efecto curioso: cando na propaganda do republicanismo no exilio se incide en máis democracia tras 1945, Franco monta a Lei de Sucesión. Pouco tempo despois, desactivada a cuestión do réxime, reclaman eleccións para decidir entre monarquía ou república, e Franco prepara as eleccións municipais, sen garantías, pero con eleccións para vestir cara fóra.

Franco ía, de feito, movendo ficha, coa reanudación de relacións diplomáticas con latinoamérica, por exemplo. Pódese falar de acertos das relacións exteriores do goberno franquista, ou máis ben dunha conxuntura internacional que o favoreceu, no contexto da guerra fría?

O proceso de lexitimación internacional do franquismo é produto da guerra fría sen dúbida, mais houbo varios anos, case unha década en que tivo que estar nunha situación de stand by para que se esquecese a súa participación ó lado do Eixe. Sen dúbida, a chegada de Evita Perón foi decisiva no novo rumbo. Ademais, o papel do Vaticano a través de Martín Artajo, os antigos contactos da ACNP e a relación na Santa Sede de Herrera e o antigo nuncio da República Tedeschini foi fundamental para este proceso de tránsito do fascio ó nacionalcatolicismo, que non esquezamos que non existía ningún bando militar de sublevación en xullo do 36 que insertara a defensa dos intereses da Igrexa.

Foi a partir do mes despois, noutro cambio estratéxico fundamental cando os sublevados procuran a axuda da Igrexa -co acontecido tamén no bando republicano cos representantes eclesiásticos-. A unidade do franquismo non existe máis que na imaxe dun Franco vitorioso. Ó longo dos anos o seu réxime vai mudando, adaptándose.

Tamén o papel de Estados Unidos foi importante. Que intereses protexía este país ao acabar apoiando o réxime franquista? Cal foi a influencia dos congresistas católicos nesta decisión?

O do apoio político católico norteamericano forma parte do dito na anterior resposta. O interese americano era clarisimamente estratéxico: era un dos dous referentes de poder mundial. Necesitaba frear a ola de guerra civís de mediados dos corenta na Europa setentrional. As bases chegan cando se clarifica este panorama.

En canto á reorganización de partidos e sindicatos na clandestinidade, o PC tardou en integrarse na ANFD e non lle deu máis que un apoio morno, segundo salienta o libro. Sendo, daquela, o partido mellor organizado, ata que punto esa falta de apoio do PC debilitou a oposición ao franquismo? Cales eran os motivos do PC para manter esa distancia?

A distancia non foi mantida só polo sectores comunistas e, segundo as derradeiras investigacións, contrariamente ó que todo o mundo pensa, a Stalin non lle importaba moito España. Os comunistas pensaban nunha república democrática en clave de clase. Unha república burguesa como a do trinta non era o seu obxectivo. A oposición republicana na súa maioría podía chegar a acordos con case todos, coa excepción dos comunistas. Foi unha tónica común que se incrementou nos anos cincuenta co control da oposición do exilio por grupos europeístas orientados polos servizos estadounidenses.

De feito, e volvendo ó tema soviético, hai curiosas coincidencias: como o voto na ONU da URSS que permite o comezo da homologación de España ou mesmo algunhas conversas secretas das que hai información entre representantes soviéticos e españois na Casa Rosada de Bos Aires nos momentos máis duros para o franquismo, coetáneos á chegada de Evita Perón. Á luz dos feitos semella que a existencia dunha ditadura militar en España lle interesaba, ou cando menos non lles molestaba.

A aposta do PC foi, nese momento, a guerrilla, o Exército Guerrilleiro. O voso libro apunta a que a estratexia do Exército Guerrilleiro, máis proactiva e combativa que resistente, provocou tamén unha maior represión e con iso o debilitamento da propia guerrilla. Compartes esta lectura?

É evidente que do mesmo xeito que a oposición non violenta republicana se esgotou, cansou de agardar, unha estratexia militar comparable á que acontecía naqueles anos en Italia ou Grecia non podía ser eterna. Moito máis nun país que levaba dez anos cunha alta percepción de guerra, cun sistema económico e de distribución deteriorado, sen axudas exteriores -a petición constante dun bloqueo económico por parte do exilio nunca foi atendida polos occidentais como espoleta de rebelión-, non podía durar máis que un tempo limitado.

Ademais o enorme entramado de información e control creado polo franquismo mobilizouse dende final da Segunda Guerra Mundial para acabar co problema interno, deixando atrás outras prioridades. Non son só palabras: a estrutura de control do franquismo é enorme, e non necesariamente con chaqueta oficial. Non é comparable a situación noutro pais europeo, posiblemente só a Alemaña dos anos duros do nazismo.

Tamén é certo que a guerrilla agardaba unha intervención estranxeira que non se produciu. E o PC acaba mudando de estratexia, pasando ao entrismo nos sindicatos, por exemplo. Cando H. Heine fai balance da guerrilla, di que, visto desde hoxe, foi un erro que queimou a moitos militantes. Que pensas ti?

O que é certo é que a desconexión da oposición interior coa exterior agrávase a partir do ano 1949-50. Rómpense os fíos de continuidade no interior debido á brutal represión exercida durante catorce anos, pero tamén pola necesaria acomodación da poboación ó novo réxime. A impotencia é unha percepción constante no franquismo, debido a esta sensación. Dende o exterior tense que reconstruír a oposición.

A lexitimidade da República pérdese, esmorece, dilúese polos anos transcorridos, pero tamén polo interese dos Estados Unidos de desenvolver outro tipo de modelos democráticos, sen ligazón co pasado nin cos Frentes Populares. E a resposta virá de novo dende dentro, con nova xente, con novas realidades, mesmo dos estudantes fillos dos vencedores do conflito. É unha nova oposición xa, con novos obxectivos que tentan ser superadores do marco do franquismo, e ó mesmo tempo desactivan a lexitimidade histórica da Segunda República.

Os problemas internos foron outro factor de debilitamento da guerrilla. Cales foron as súas causas principais?

Nunha milicia nunha situación de combate o conflito é algo consubstancial debido ás condicións de vida da propia guerrilla. Ademais a capacidade de entrada de toupos e informadores varios das accións dinamitou por dentro a guerrilla máis que as accións de combate. Nun determinado momento a falta de apoio necesario do partido tamén deteriorou a súa imaxe. Era imposible co control absoluto do franquismo provocar dende dentro unha situación de desequilibrio se non se apoiaba dende o exterior. O franquismo amosouse forte e eficaz debido a súa situación de superioridade. Aquilo da aplicación da consideración de ‘asunto interno’… O tempo sempre correu a favor do franquismo. A administración dos tempos políticos foi fundamental no franquismo: no momento e tempo xusto.

Se os aliados tivesen intervido en España como se esperaba, que pasaría? Canto puido ter de razón a diplomacia británica ao desconfiar da oposición antifranquista? De que xeito puido terse artellado unha alternativa? (Se non queremos concluír que era inevitable a continuidade do franquismo, naquela altura).

Claro que non foi inevitable o franquismo, mais déronse a maioría de circunstancias para que iso se producira. Combinación e converxencia de intereses obxectivos permiten entender a duración do réxime e a súa pervivencia. Posiblemente a intervención de España tras a Segunda Guerra Mundial produciría sen dúbida un país con maior conciencia democrática. Dende logo a aplicación do Plan Marshall provocaría isto. De feito isto é o que pretende o Goberno Republicano: chegar a democracia a España antes de que chegue o Plan Marshall. E case o conseguen.

E claro que foi posible: teño localizado plans concretos de toma de poder por parte do goberno republicano nos anos máis duros do franquismo (1946-47), moi explicitados, cunha amplísima rede de enlaces, nun momento en que o laborismo tomara o poder en Gran Bretaña -que sempre o apoiara ata ese momento-, cunha guerrilla activa, cunha situación crítica dende o punto de vista económico no interior, e cun franquismo que aínda non o era, senón un goberno dun militar vitorioso nunha guerra que funcionaba aínda en parte como ‘primun inter pares’ co poder doutros responsables do Exercito.

Que faltou? Posiblemente vontade política suficiente do tándem EE.UU-GB para levar a democracia a España coa aplicación dun bloqueo económico de incerta duración. No seu cálculo de probabilidades non debería haber moitas vantaxes, mais si notables inconvenientes no novo mundo bipolar de abrir eles mesmos unha nova fronte. Non foi tampouco tan distinto do que aconteceu dende o verán de 1936 coa política de non intervención.

http://montsedopico.com/entrevistas/faltou-vontade-politica-tandem-ee-uu-gb-para-levar-democracia-espana-coa-aplicacion-dun-bloqueo-economico-de-incerta-duracion/