Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

«A sociedade actual reclama outras solucións políticas pero tamén outra lectura do pasado»

Praza.gal, | 20 noviembre 2014

_PrPrazaEntrevista a Lourenzo Fernández Prieto é o editor e coordinador, xunto a Aurora Artiaga, de “Otras miradas sobre golpe, guerra y dictadura”

 

 

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo

Lourenzo Fernández Prieto é o editor e coordinador, xunto a Aurora Artiaga, de Otras miradas sobre golpe, guerra y dictadura (Ed. Catarata), unha obra na que máis de dez historiadores achegan o coñecemento e experiencia dun «pasado incómodo» sobre que levan traballado e estudado dúas décadas. O libro intenta construír un novo relato con abondosos fundamentos historiográficos que o afastan dese outro relato «conxelado nas visións franquistas-antifranquistas pasadas pola peneira da reconciliación na Transición que fundan o presente». «O pasado é moi diferente do que pensamos», di o catedrático, que coordina un libro dun grupo de autores que fixo ou está facendo a súa tese no Departamento de Historia Contemporánea e América da USC, cuxa maioría pertence ao colectivo Histagra e do que unha parte deles participou no proxecto Nomes e Voces.

Necesitamos máis ca nunca outras miradas?

Precisámolas. Durante moito tempo houbo ou hai dúas miradas canónicas, entrelazadas e complementarias do golpe, da guerra de da ditadura: a franquista e a antifranquista, que tamén está moi presente. É a mirada que temos na literatura, nas series, nos telexornais… E conforman un relato político dominante. A reconciliación non é coller un pouco de cada visión. Nós dicimos que se queremos entender por que nos pasan cousas que non entendemos, hai que coñecer mellor o pasado, que é menos coñecido do que cremos. O pasado é moi diferente do que pensamos; sabemos pouco do pasado e case todo é mentira ou está desviado.

«As miradas canónicas do franquismo e o antifranquismo conformaron un relato político dominante»

Que achega esta obra?

É un labor de varios historiadores que xunta dez anos de teses doutorais, vinte anos de traballo, achegas do proxecto Nomes e Voces e toda a experiencia dos que a elaboramos. Sexa casualidade ou non, todos os que facemos esta obra nacemos despois de 1960 e intentamos responder moitas preguntas. Porque todo aquel que naceu logo de 1970 e foi educado nos valores humanos, da paz, da reconciliación, da Transición ou da democracia pregúntase cousas que non lle foron explicadas. A sociedade pregúntase como pode ser que aparezan cranios con furados de bala sen que aquí pase nada. O pasado é cada vez máis incómodo porque non ten respostas.

As polémicas arredor da querela arxentina son o reflexo dese relato dominante?

Vivimos supostamente nun réxime de separación de poderes pero, de forma mecánica, o ministro de Xustiza responde a un requirimento policial xurdido dunha demanda da causa arxentina advertindo o que hai que dicir e responder. Como lle explicamos ao mundo que o suceso no que un garda civil tirou un home pola fiestra non pode ser aclarado? Como explicamos a aqueles que non participaron ou nin tan sequera estaban presentes cando os acordos da Transición que un membro do órgano xudicial que acordou o fusilamento de cinco persoas non dea ningunha explicación? Por que hai nenos roubados? Por que houbo un golpe de estado que asasinou en catro meses 3.500 persoas en Galicia? Pois é difícil de explicar que todo iso non se aclare ou que non se dean respostas.

«Vivimos nun réxime de separación de poderes no que o ministro de Xustiza advirte do que hai que responder ante un requirimento policial»

Pero non parece que se queiran dar respostas…

A lei de punto final non está admitida noutros lugares e aquí dinnos que nada se toca porque entenden que a Lei de Amnistía xa o regulou todo. Non fixemos ben esa política. As decisións que se tomaron daquela serven para hoxe? É difícil que nos convenzan de que si. Ese é o contexto no que se sitúa esta obra, que achega coñecemento. Non achegamos respostas, pero si coñecemento sobre o que aconteceu. A xuíza arxentina é coherente cun modelo que España tamén achegou e é normal que nolo apliquen tamén, pero aquí pensouse que estabamos exceptuados. Non hai razón xurídica, histórica, moral ou ética que nos deteña ante a resolución dos crimes.

Politizouse a historia?

Se falamos de historia, temos que discutir de historia. Todo está hiperpolitizado nun relato franquista e logo nun relato antifranquista. A min o antifranquismo historiográfico non me responde ningunha cuestión. Hai que entender porque en Galicia fusilaron todos os xefes militares… E non me dan resposta a iso.

«A abdicación do rei, a caída de Pujol ou a marcha de Alfonso Guerra sitúannos no final da Transición; xa é algo verídico»

Durante anos, moitos estudantes comprobaron como nos colexios ou institutos case que se obviaba a guerra ou a ditadura.

Trátase a temática porque unha das preguntas da Selectividade durante anos foi sobre este tema, pero o que nos encontrabamos nos exames os correctores era que o relato dos estudantes era o que sacaban dos profesores… E é un relato imposible. Para empezar, nas propias escolas, sempre se di que non houbo golpe de estado, senón unha guerra civil na que a xente se matou. E tamén se insiste na idea de que a Igrexa foi moi mala na guerra, pero moi boa na Transición. Responde ao relato feito polos protagonistas políticos do asunto e este está descomposto como tantas outras cousas nestes tempos. Podemos dicir que a recente abdicación do rei Juan Carlos e a marcha de Alfonso Guerra sitúan o final da Transición como algo verídico. O final de vez daquel tempo.

«A sociedade actual reclama solucións políticas diferentes, pero tamén outra lectura do franquismo e da guerra»

A Transición acabou de vez agora?

Acaba de caer Jordi Pujol, abdicou o rei, marchou Alfonso Guerra e antes Rubalcaba… Os protagonistas da Transición están fóra de lugar e o mundo e a sociedade de hoxe, igual que reclama solucións políticas diferentes, tamén reclama outra lectura do pasado. Iso é o que achegamos nesta obra. Contáronnos a guerra cos seus intereses, algo que é normal. Pero é outro tempo.

E esa outra lectura do pasado cambia moitas cousas daquel relato?

Achegamos outra mirada sobre o golpe militar, en que consistiu, como se organizou e por que se mataba xente. Analizamos por que se constituíron os exércitos e como se fixo. O relato tradicional insístenos en que os que loitaban nun ou noutro bando era porque lles tocaba, pero non é só por iso, hai explicacións máis complexas porque, en definitiva, os soldados tiveron que ir á guerra obrigatoriamente e non podían escapar. Tamén se adoita crer que en Galicia houbo moitos voluntarios, pero iso non é verdade. Coa ditadura ocorre o mesmo: sempre se nos fala dunha primeira fase dura do réxime e unha última que se cualifica como marabillosa e de «desarrollismo» porque a xente podía comprar un televisor e mandar os fillos a estudar á Universidade. Pois non é así, a ditadura era a mesma. E hai que transcender tamén o concepto de vítima, porque as vítimas non morreron, matáronas; onde están os verdugos? O relato deglutiu toda a información real sobre o que aconteceu.

«O que pasou na Transición xa pasou; o que hai que facer hoxe é independente do que se fixo antes»

No caso da Transición tamén? Foi modélica?

É o relato co que nos construíron, un relato fundacional. E ten unha explicación: o medo á guerra civil e a ameaza foi un instrumento de acordo, algo que serviu para chegar a un pacto. Sempre se falou da Transición como modélica, pero tampouco estou de acordo co relato novo que asegura que todo se fixo mal e que hai que anular aquilo que se logrou. Hai que facer o que hai que facer hoxe, pero independentemente do que se fixo antes. O que pasou, pasou, chamáronlle reconciliación e todo o mundo estaba de acordo. Aqueles que estaban en contra eran minoría e non lles deron a razón. Non estou disposto a que me impoñan agora un relato respecto do que temos que facer con respecto ao que non se puido facer antes.

http://praza.gal/politica/8252/a-sociedade-actual-reclama-outras-solucions-politicas-pero-tamen-outra-lectura-do-pasado/