Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos, Noticias

Defensa do Común convoca una marcha cívica o 27 de Outubro

Defensa do Común, | 4 octubre 2018

Pola devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña

DEFENSA DO COMÚN

NOTA DE PRENSA

DEFENSA DO COMÚN CONVOCA UNHA MARCHA CÍVICA O 27 DE OUTUBRO POLA DEVOLUCIÓN DA CASA CORNIDE AO PATRIMONIO DA CORUÑA

Nunha asemblea aberta con distintas entidades, convocada por Defensa do Común e a Asociación de Veciños da Cidade Vella, acordouse a realización dunha Marcha Cívica para o sábado, 27 de outubro, pola devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña.

A comitiva sairá ás 12 horas da praza de María Pita e acabará diante da Casa Cornide na Cidade Vella. Contará coa participación de Su Excelencia el Generalísimo Francisco Franco, a súa dona Carmen Polo, o rei Felipe VI (interpretados por persoas do teatro); Alfonso Molina e Pedro Barrié de la Maza, que xogaron un papel importante no espolio da Casa Cornide. A comitiva estará encabezada por un grupo de gaitas e acompañada pola Guardia Mora.

O proceso para que a propiedade da Casa Cornide chegase a Carmen Polo Martínez-Valdés, dona do ditador Franco, forma parte do espolio dos vencedores –é dicir, dos protagonistas do levantamento militar e fascista de 1936– o mesmo que o pazo de Meirás. É tamén unha trama de corrupción política da administración franquista, que pretendía evitar unha adxudicación directa dese palacio co que Carmen Polo se encaprichara a finais da década de 1950. Por esa razón o Concello da Coruña, propietario da Casa Cornide –no século XIX acollera a casa consistorial e dependencias municipais, e en 1957 albergaba o Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino, coñecido como “Los Tomasinos”– transfire a propiedade ao Ministerio de Educación en 1957, sendo alcalde Alfonso Molina, coa idea inicial da transmisión directa da propiedade, pero descartada esta e tomada a decisión de seguir un procedemento moito máis discreto como unha poxa para que a administración transferise a Casa Cornide ao patrimonio dos Franco, este palacio volve a ser propiedade municipal en 1962, adquirido por permuta ao Ministerio de Educación.

A “trama” foi deseñada por Juan Sánchez–Cortés y Dávila, un alto cargo da administración franquista, que, daquela, ocupaba o cargo de Subsecretario do Ministerio de Facenda, e consistía, basicamente, no seguinte: despois de que o Concello recuperase a propiedade da Casa Cornide, procederíase á poxa (subasta), aprobando previamente un prego de condicións, convenientemente preparado, que evitase a competencia na poxa. Este alto cargo explicaba nunha carta a bondade desta alternativa: “Así se lo hemos explicado a Su Excelencia por ser la mejor fórmula, ya que de esta forma no se hace una adjudicación directa de bienes que fueron del Estado al propio Caudillo”.

A poxa–farsa celébrábase o 2 de agosto de 1962 e só acoden dúas persoas, segundo o planificado: o falanxista e subxefe do “Movimiento Nacional” na Coruña, Jose Luis Amor Fernández, un “home de palla”, e o banqueiro Pedro Barrié de la Maza, persoa de confianza dos Franco. Esté ultimo será o que puxe e se faga con ela por 305.000 pesetas, remitindo ese mesmo día un escrito ao concello solicitando a “liberación de las obligaciones y limitaciones impuestas”, contidas en determinadas cláusulas do prego de condicións. Tamén esa mesma tarde reuníase o pleno do concello para dar conta de que Pedro Barrié solicitaba transmitir a propiedade a Carmen Polo.

A operación foi un éxito e a familia do ditador Franco estaba contenta e agradecida, como comunicaba a Sánchez Cortés o secretario persoal de Franco, Ricardo Catoira: “Los señores están encantados  porque han logrado el deseo de tener una casa en La Coruña, para que cuando tenga que desplazarse la Señora no haya necesidad de abrir el Pazo de Meirás, que tantas molestias origina por lo grande que es esta Residencia y el número de criados y servidores que necesita”.

Pedro Barrié de la Maza foi amplamente recompensado polas súas xestións para que a familia Franco conseguise a Casa Cornide, e antes o pazo de Meirás, así como polos seus servizos ao exército sublevado en 1936 e á ditadura. Fixo unha gran fortuna e recibiu a distinción de Conde de Fenosa.

O pleno do concello da Coruña aprobaba o 8 de xaneiro de 2018 sen ningún voto en contra (votos a favor de Marea Atlántica, PSOE e BNG e abstención do PP) unha moción do BNG para que o concello da Coruña tome as medidas necesarias para a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da cidade.

Moitas grazas pola vosa colaboración na difusión desta información, que contribuirá á devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña.

A Coruña, 2 de outubro de 2018.

Asdo. Ricardo Vales, responsable de Comunicación de Defensa do Común