Homenaxe aos asasinados na VOTA DOS 9.
15 outubro 2005 - Estrada Baiona - Baredo

15 de outubro de 1936. En represalia pola morte dun falanxista, sacan do cárcere de Vigo a nove prisioneiros que son executados na estrada que leva de Baiona á Guarda. Dende entón, en cada aniversario do acontecido e mesmo baixo a máis estricta vixilancia e represión, nove cruces apareceron misteriosamente debuxadas na area no exacto lugar da execución, máis coñecido como "a volta dos 9". Na memoria do acontecido, e na memoria de todos os mortos pola liberdade, inaugúrase o próximo día 15 de outubro un pequeno bosque-escultura do artista Fernando Casás: 45 loureiros (a árbore dos heroes) circundan no estreito espazo da "volta dos 9" unha árbore tronzada, como degolada, fundida en bronce, memoria das nove voces caladas naquela data, representación de todas as voces caladas pola represión. Ao pensar en facer unha escultura e cartel sobre o evento, buscouse un artista cuxa obra se baseara no principio de que non hai estética sen ética e, en segundo lugar, que a obra tivese unha connotación constante co ciclo da vida. Ese artista non podía ser outro que Fernando Casás. Profesor de Escultura e de Arte e Ambiente Natural na Universidade de Vigo, vive entre a Galiza e o Brasil. Considerado pola crítica especializada coma un dos precursores dos movementos de Arte e Natureza, vén dende mediados dos anos sesenta desenvolvendo na e coa natureza unha obra de perfil marcadamente conceptual, xeralmente de carácter efémero, que busca evidenciar a vida paralela, os aspectos ocultos e non asumidos pola mirada civilizada. No 2004 presentou a exposición e libro "Arqueoloxía do non-lugar" no Círculo de Belas Artes de Madrid. Presente na XXIª Bienal Internacional de São Paulo cos seus "restos arqueolóxicos", gañou con Amazonas, Série Negra o Premio Ibeu'89 (Brasil-Estados Unidos) como a mellor exposición do ano no Río de Xaneiro e no 94 o Premio Internacional Burgo das Nacións da Universidade de Santiago de Compostela coa obra Bosque , que mestura árbores vivas cun tronco fundido en aluminio, deixando o concepto tradicional de obra estática de estrutura verticalizada para transformarse nunha escultura conectada coa vida. Entre as súas obras nos espazos públicos encóntranse Two Stones (University Botanical Garden en Xerusalén, Israel, xunto a Max Bill e Picasso), Amazonia / Raízes (Parque de Esculturas da Catacumba, Rio de Xaneiro, xunto a Calder e Franz Weissmann), Lamed Vav / 36 Xustos (Illa de Esculturas, Pontevedra, xunto a Robert Morris, Ian Hamilton Finlay e Giovanni Anselmo). Nesta última intercala troncos de granito nun bosque natural, apropiándose das árbores alí plantadas, que pasan a ser parte da obra. En Árbores como Arqueoloxía (Deserto de Monegros, Proxecto Huesca: Arte e Natureza, xunto a Siah Armajani, Richard Long, David Nash, Hidetoshi Nagasawa) inmensos troncos de granito e dúas oliveiras centenarias poden ser vistas dende a distancia, totalmente integradas na magnífica paisaxe, como memoria do bosque autóctono que con anterioridade foi aquel deserto. Dende a súa constitución ven colaborando co Instituto de Estudos Miñoranos, tanto en diversas actividades como nas súas publicacións asi como na realización do premio anual de xornalismo "Nano Cambeiro". Para máis informacións ou envío de material sobre a obra, estamos á súa enteira disposición nas seguintes direccións: Mina Marx Tel. 986 365 572 minamarx@wanadoo.es ou: IEM/ Instituto de Estudos Miñoranos: ieminhoranos@hotmail.com
|