Agenda

Congreso da Memoria 'A represión franquista en Galicia'
Narón 4-7 decembro 2003


Asociación Cultural 'Memoria Histórica Democrática'
R/Magdalena, 202-204, 1º
15402 Ferrol (A CORUÑA)

memoriahistoric@terra.es

http://www.artabria.com/memoria-historica-democratica

Dende a restauración democrática na segunda metade da década dos setenta, mantense pendente a débeda moral coas xeneracións que sofriron a represión durante catro décadas, despois do levantamento militar de xulio de 1936. As institucións académicas, e principalmente as universidades galegas, mantiveronse case que ao marxe da cuestión, deixando á nosa cidadanía orfa dunha dramática parte da súa historia; só os traballos dalgúns investigadores afondaron en parte dese pasado. Semella, asemade, que a transición quixo pechar as feridas dos corenta anos de dictadura privilexiando os sentimentos dos verdugos máis do que os das víctimas, botando unha lousa de silencio sobre a barbarie do franquismo e sobre quen a sufriu. Agora que o ciclo biolóxico dos protagonistas daqueles primeiros tempos da dictadura vaise pechando non hai xa excusa ningunha para manter o silencio.

Case que trinta anos despois da morte de Franco, metidos xa nun novo século, cumpre dar un paso adiante na recuperación da nosa memoria histórica: do que foi aquel réxime xurdido do golpe militar e das consecuencias que tivo para a nosa terra. É preciso que as novas xeracións coñezan un anaco do noso pasado que nos foi roubado.

A mediados do ano 2002 xurdiu a A Asociación Cultural 'Memoria Histórica Democrática', unha asociación que quere lembrar e reivindicar a memoria de todas aquelas persoas que sofriron a morte, represión e cárcere na dictadura franquista. Dende unha perspectiva ideolóxica plural, abordamos esta tarefa como un imperativo moral diante dos homes e mulleres represaliados, pois é aos historiadores a quen corresponde a responsabilidade social de por os seus coñecementos e métodos ao servicio da recuperación do pasado.

Ademáis doutras iniciativas, como a presentación de mocións de recoñecemento dos represaliados e represaliadas nos concellos da comarca, tentamos agora dar un paso adiante presentando un proxecto de investigación e divulgación histórica: trátase da celebración do Congreso da Memoria 'A represión franquista en Galicia', a celebrar en decembro deste ano 2003. É o noso desexo que este Congreso constitúa un foro plural e participativo no que as persoas e institucións interesadas na recuperación da memoria histórica poidan aportar novos datos e investigacións sobre o tema, sempre inconcluso. Ademáis este Congreso servirá para rendir unha cumprida homenaxe aos represaliados e represaliadas na dictadura.

Convidamos a todolos investigadores que traballaran algún aspecto da historia destes feitos históricos a compartir os seus coñecementos con outros investigadores e co público en xeral, tentando dar un primeiro paso nunha evaluación de conxunto do que foi a represión da dictadura franquista na nosa terra. Calquera persoa interesada en participar no Congreso deberá contactar coa Asociación antes do día 30 de setembro de 2003, aportando un resumo da súa investigación. Os traballos aceptados no Congreso deberán entregarse definitivamente o 15 de novembro de 2003, para a edición das actas, despois da celebración do Congreso.


Desenvolvemento do Congreso da Memoria 'A represión franquista en Galicia'

DATAS: 4 a 7 de decembro de 2003.

ACTIVIDADES:


a) Presentación de traballos de investigación sobre o tema

b) Debates e mesas redondas

c) Recitais musicais e poéticos, exposicións artísticas, bibliográficas, ou fotográficas

d) Acto final de homenaxe e lembranza aos represaliados e represaliadas

DISTRIBUCIÓN DAS SESIÓNS:

Xoves 4 de decembro - Tarde

Inauguración
Marco histórico (1931-1975)

Venres 5 de decembro - Mañán

A mecánica represiva
(Os represores, os instrumentos legais, o aparello carcelario, a finalidade da represión,…)

Venres 5 de decembro - Tarde

Os represaliados
(Os individuos e os diversos grupos humanos, políticos, sociais e culturais diante do feito represivo)

Sábado 6 de decembro - Mañán

As zonas
(A represión nas diversas áreas xeográficas e as súas particularidades…)

Sábado 6 de decembro - Tarde

O estado da investigación
(Fontes para o traballo histórico, accesibilidade ás mesmas, reconto bibliográfico, implicacións do traballo de recuperación da memoria histórica…)

Domingo 7 de decembro - Mañán

Homenaxe aos represaliados e represaliadas


O conxunto de actividades públicas iría acompañado, posteriormente, pola publicación das actas dos traballos científicos aportados polos investigadores ao Congreso.



Calendario


30 de xulio de 2003

Convocatoria do Congreso

Presentación pública do Congreso á prensa, institucións, e contacto cos investigadores para convidalos a participar no Congreso.


30 de Setembro de 2003

Peche do prazo de admisión de traballos ao Congreso

Nesta data todolos investigadores terían que ter presentado un resumo dos traballos que desexen presentar ao Congreso.


15 de novembro de 2003

Peche do prazo de presentación de traballos para o Congreso

Nesta data todolos investigadores terían que ter presentado o texto completo dos seus traballos para o Congreso.


4 a 7 de decembro de 2003

Celebración do Congreso

Nesta semán levarianse adiante todolos actos do Congreso, tanto os principais como outros que poidan celebrarse de xeito paralelo.