Recuperan imaxes rodadas por un galego nun cárcere franquista
La Voz de Galicia - 19/12/2005
http://www.lavozdegalicia.es/inicio/noticia.jsp?CAT=126&TEXTO=4354306
O cineasta filmou escenas da fronte na Guerra Civil e da cadea cando foi detido en Estremadura A metraxe foi incorporada á película «El perro negro» que se estrea o día 23 no CGAI
Díaz Noriega, o máis veterano dos cineastas afeccionados galegos (Firma: M.A. Fernández | Lugar: redacción)
A propósito das películas realizadas durante a Guerra Civil polo gran cinéfilo e prolífico cineasta afeccionado José Ernesto Díaz-Noriega, o historiador Jaime Pena xa recollía no libro La Coruña y el Cine II (Vía Láctea), escrito en 1995 xunto a José Luis Castro de Paz, a súa película en formato 8 mm., Revista 8 , filmada en 1939 «tras ser detenido en la contienda civil española con una cámara que logró mantener oculta».
Estas filmacións constituíron durante moito tempo unha especie de mito, ao ser rodadas clandestinamente durante a estancia de Noriega no cárcere e tamén na fronte de Estremadura.
Consideráronse desaparecidas, ata que o cineasta húngaro Péter Forgács realiza en 2005 a documental El perro negro , centrado na guerra civil española a partir de imaxes de cinema afeccionado dos anos trinta, motivo polo que o filme acada unha especial significación para o cine galego, ao incluír moitas das filmacións realizadas no período por José Ernesto Díaz-Noriega, notoria e salientable figura que impulsou o cine en Galicia nos anos sesenta e setenta do século pasado. A parte Revista 8 , Noriega tamén fixo Un frente en calma en 1939, sobre tres amigos nunha trincheira durante a Guerra Civil, dos que un deles aproveita unha tregua para visitar a súa familia e mátano. Contendo escenas cotiáns da fronte bélica e filmada nas auténticas trincheiras, a trama de ficción seica se fixo realidade uns días máis tarde, cando un dos soldados morreu realmente. El perro negro será proxectada en A Coruña polo Centro Galego das Artes da Imaxe o vindeiro 23 de decembro e suporá a estrea destas imaxes filmadas por un galego de adopción que mantivo unha estreita relación cos primeiros cineastas galegos dos anos setenta.
Aínda que desvinculado do sector desde finais dos oitenta, o VII Certamen de Cine de Humor Ciudad de la Coruña ofreceulle en 1979 unha retrospectiva de toda a súa obra e en 1985, o cine club Carballo dedicoulle unha homenaxe acompañada da monografía Díaz-Noriega, cineasta galego (Entregas de Comunicación Cultural, Santiago, 1985), coordinado polo seu presidente daquela, Frutos Fernández, co cal se recoñecía o seu importante papel a prol do audiovisual galego e a longa producción de cine realizada desde a súa particular condición.
De toda a súa produción feita en Galicia destaca en particular Cine amateur (1965), en 16 mm, filme satíritico-didáctico que acadou máis dunha ducia de premios nacionais e internacionais, entre eles o primeiro premio do Festival de Cannes de Cine Amateur.
|