Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

Boimorto: a historia da sublevación do 36

Xornal.com, 18/07/2010 | 27 julio 2010

Deixaban os mortos nas cunetas. O pánico era dunha das súas armas

 

SARA TORREIRO

Non é preciso afondar demasiado no como, no cando ou no porqué da represión franquista. Abonda dicir que foi dende o 36 ata ben consolidado o goberno de Franco, que foron persoas inocentes as que morreron asasinadas e que foi por mor de pensar distinto. Cómpre agora centrarse no quen: os que finaron e os que quedaron detrás. Dicía Castelao que decote os mártires crean mundos que nin sequera os heroes son capaces de imaxinar. Falemos, logo, dos mártires, os heroes que loitaron polo libre pensamento e a democracia. Tócalles a quenda aos heroes de Boimorto, unha pequena vila emprazada na estrada que vai de Santiago á Coruña. Memoria por xustiza.

O 18 de xullo de 1936, militares e falanxistas levantáronse en armas contra o goberno da República. Hoxe cúmprense 74 anos disto e a historia segue, en moitos casos, agochada. O problema residiu en que o golpe de Estado non foi unha operación limpa. Os conxurados non puideron amputar a República tan rápido como tiñan pensado e esta foise desangrando pouco e pouco polas cunetas. En agosto foi a época da represión máis brutal.

En Boimorto o tema da memoria histórica levouno a cabo Xosé Luís Rivas Cruz, ou como todos o coñecen, Mini. Mini é un home que transmite tranquilidade, se cadra polo ton fondo e calmo da súa voz ou polo xeito de fitar directamente cos seus ollos azuis. Conseguiu con esa tranquilidade e a súa vocación de mestre sacar do esquecemento oficial (que non colectivo) a historia dos fusilados do seu concello.

En Boimorto era o tempo da malla, mediados de agosto do 36. Os falanxistas quixeron darlle un golpe de graza ao goberno republicano. Na conciencia colectiva está a crenza de que chegaron instigados por don Emilio, cura de Andabao, unha das parroquias da vila. “Nunca ninguén me falou ben del”, sentencia Mini. A hipótese cobra forza se temos en conta todos os problemas que tivera o cura coa corporación republicana, incluíndo a expropiación do cemiterio.

A Gándara segue a ser a rúa principal de Boimorto. Daquela estaba presidida pola casa consistorial. Os falanxistas mandáronlles aviso aos elexidos para que se dirixisen alí firmar uns papeis. Non tiñan que asinar nada, xa estaban sentenciados. Aos de Andabao mandáronlles ir á escola. A lista de elexidos polos falanxistas é a seguinte: Caitán García, Andrés de Cardelle, Ramón Enjamio Pombo, Ramón Váquez Garea de Cheda, Juan Martínez Bao, Ramón Sánchez Rapela, Pedro López Bodelo, Isidro Filloy López, Andrés Filloy (sobriño de Isidro), José Sánchez, José Barreiro Pérez, José Tojo García, Manuel Sánchez de Valente, Ramón Lodeiro, Antonio Felpete Budiño dos Currás, Manuel Espiñeira López, José Tojo García de Piñeiro e José Cabanas Vázquez. Cómpre aclarar que non todos acudiron á cita. O alcalde, Pedro López Bodelo, Manuel Sánchez e José Sánchez deberon cheirar algo. Andaron escapados ata o 41 e logo entregáronse. Ningún deles botou moito tempo encarcerado. Andrés Filloy tamén librou porque seu tío decidiu ir á cita, pero deixou instrucións para que el escapase. Ramón Lodeiro, o escribán do Concello, tamén se salvou porque o sarxento o deixou fuxir.

Na Gándara metéronos nun camión e leváronos para o cárcere de Sobrado dos Monxes. Tivéronos durante 48 horas paseando un saco de mineral moi pesado. Isidro López, non se sabe como, foi capaz de facerlle chegar unha misiva á súa muller, na que malia a que tentaba non preocupala, era evidente que sabía o que ía ocorrer: “Deseo que reprendas a nuestros hijos y ellos que se guíen por ti y le entregues esta carta al señor maestro y él os dirá cómo teneis que hacer las mujeres de los que estamos detenidos…”

Non se sabe con seguridade, pero case seguro que o día 20 os levaron para Santiago. En Ortoño fusilaron seis. Quedaron tirados na estrada. Os veciños leváronos á igrexa. Alí tiráronlles fotos e inscribírinos nas partidas de defunción como descoñecidos. O cura viu que algúns levaban símbolos cristiáns e enterrounos relixiosamente nunha fosa común. A xente de Ortoño sempre se referiu a eles como “os homiños de Boimorto”. Os veciños usaron ese diminutivo galego de compaixón, de desgraza.

Despois, no Amenal, decidiron matar os outros seis. Obrigáronos a poñerse a correr para, deste xeito, aplicarlles a Lei de Fuga. José Cabanas salvou a vida. O sangue dos compañeiros que o cubría enganou os falanxistas. Cabanas escapou e pediulle a un veciño unha navalla para quitar a bala que o alcanzara nunha perna. Unha vez mortos, mandaron chamar uns veciños para que cavasen o foxo para botalos. Os falanxistas disparaban a arma do medo, do pavor: non escolleron uns veciños calquera, os elexidos eran simpatizantes da República. “Era para irlles metendo a cravuña no corpo”, sentencia un veciño do Amenal. Segundo o dicionario, “cravuñar” é adelgazar o fío da gadaña co martelo.A cravuña, logo, é esa sensación que fai que non atopes acougo, que te vai adelgazando, mirrándoche o ánimo. A cravuña era o xeito que tiñan de dicir os falanxistas que calquera con pensamento distinto podía rematar así. Asasinado. Tirado nun cavorco. Dende aquela ao lugar chamáronlle “A Chousa dos Mortos”.

É de supor que as familias das víctimas saiban do traballo que levaron a cabo os seus devanceiros a prol da democracia. Porén, decote aparece ese “algo farían!” ou aquel “se cadra meteron a pata en algo”. Por iso hai que divulgar. Para que os descendentes saiban que o progreso lle debe moito aos seus antergos.

No 2007 leváronse a cabo as exhumacións. A “Chousa dos Mortos” ensinou os seus cadáveres. Tamén os “homiños de Boimorto” apareceron en Ortoño, da beira dereita da igrexa. Para as familias case todos os datos chegaron polo proceso da memoria histórica. Os vellos comentaban a historia a media voz, pero ese son foise extinguindo co tempo. O libro Memoria dun silencio, de Mini, dálle volume de novo a esa voz perdida.

Mini di que a memoria histórica é “o único xeito de enterrar o franquismo”. Hai que rachar o silencio, deixar que a historia continúe polo seu vieiro para erradicar o odio, para botar terra nas fendas abertas, para rematar coa impotencia. Memoria por xustiza: é preciso pechar ese ciclo.

ttp://www.xornal.com/artigo/2010/07/18/suplementos/contexto/boimorto-vila-coa-historia-detida/2010071723435200193.html