Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Noticias

O rueiro ferrolán restitúe a memoria do contraalmirante Antonio Azarola

Estación Atlántica, 5/2/11 | 6 febrero 2011

Unha placa situada na parte frontal do Parador de Turismo recorda desde onte a figura do contraalmirante Antonio Azarola Gresillón

Diario digital de Ferrol- cristina r. calvo- Ferrol

Unha placa situada na parte frontal do Parador de Turismo, e que dá nome ao espazo público situado na zona, recorda desde onte a figura do contraalmirante Antonio Azarola Gresillón. Así se dá cumprimento a un acordo plenario resultado dunha petición, a través dunha moción de EU e de colectivos como a Asociación de Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán.

O acto foi algo máis que o descubrimento dunha placa. A emoción estivo presente en todo momento, xa que netos, bisnietos e ata un pequeno tataranieto puideron percibir o agarimo do medio centenar de persoas que se deron cita co fin de restituír a memoria dun ferrolán de adopción, xa que, aínda que navarro de nacemento, fixo moito pola cidade da que foi xefe do Arsenal e onde desgraciadamente foi fusilado o 4 de agosto de 1936, pola súa lealdade. Así, foi asasinado por non secundar o golpe militar e seguir fiel ao goberno da República.

Na descrición realizada onte por Miguel García Bañales recordouse un carácter apolítico e moderado que o fixo idóneo para o cargo de subsecretario de Mariña e posteriormente Ministro de Mariña, posto desde o que evitou unha reconversión naval. Volveu despois a Ferrol e cando se produciu a sublevación foi acusado e asasinado unicamente pola súa extrema lealdade.

O relator recordou que esta inxustiza conmocionou a Ferrol, porque o pobo queríao e convértese deste xeito nun exemplo de moral e un exemplo democrático para todos.

A colocación da placa que dá nome a esta praza permite así que se recupere a dignidade civil deste militar.

O rexedor municipal, Vicente Irisarri, asegurou que o acto celebrado onte xustifica un mandato municipal e asegurou que o que se está facendo é xustiza.

O alcalde da cidade naval pediu que o exemplo da figura de Azarola e desde agora a praza que leva o seu nome e que o perpetua na cidade sirva para guiarnos por unha convivencia pacífica polos séculos dos séculos.

En nome da familia do militar, a súa neta Anxos Jaureguízar Azarola, agradeceu moi emocionada esta homenaxe e manifestou o orgullo da familia por conseguir a memoria restituída e a xustiza perseguida?.

O alcalde fixo entrega á descendente do que foi ministro de Mariña dun pergamiño acreditativo da distinción e, acompañado doutro dos seus netos, Antonio Azarola Gai, descubriu a placa conmemorativa.

Unha ofrenda floral do Concello e tamén das asociacións de Memoria Histórica e Fuco Buxán puxeron fin ao acto, no que tomaron parte ademais de representantes municipais do PSOE, EU e BNG, de entidades culturais e veciñais, persoas anónimas que recordan ao contraalmirante, o labor levado a cabo e o sacrificio realizado en defensa da legalidade.

Ademais da colocación da placa, que dá nome á praza, a concellaría de Cultura do Concello ferrolán editou unha unidade didáctica para o seu uso nos centros de ensino de Ferrol, baixo o título O Golpe de estado do 36 en Ferrol e bisbarra.

http://estacionatlantica.blogspot.com/2011/02/o-rueiro-ferrolan-restitue-memoria-do.html?spref=fb