Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

Mortes

Alba López Sánchez. Galiciahoxe.com, 22.02.2012 | 24 febrero 2012

Habría que ver qué pasaría si esta teoría de la ocultación para llevar a cabo los descendientes del gatillo 36 se aplica a otros genocidios de la historia europea

 

ALBA LÓPEZ SÁNCHEZ

Estirar a pata, pasar a mellor vida, criar malvas, morrer …e a morte a fin de contas é a principal causa de investigacións policiais, de recursos xurídicos, de libros homenaxe, de cancións, de versos… A morte coma derradeiro punto da vida e coma liberación divina para @s que pensan que hai algo máis no outro lado (lado de onde?)

A carón da morte aliméntanse historias, medos e extremismos. Nese medo, ou respeto dirían outr@s, medran as relixións e sostense as construcións da personaxe derivadas da necesidade do ego de sobrevivir no “mundo real” ( e póñolle as comas porque é o único mundo que coñezo) Todas as barbaries da historia da humanidade sostense nese medo a desaparecer e todas as artes, as grandes obras creadas polo ser humano tamén. Un pouco contraditorio, se cadra.

E levamos o primeiro mes cheo de pasamentos, de algúns que deixaron clariño dende hai tempo que chegada a súa fin, a súa historia sobreviviría. E eses tres homes aos que me refiro con estas liñas tiveron en común ser testemuñas da nosa historia máis cruenta e menos investigada do século XX, esa sublevación militar do 36, levada a cabo por aqueles que vían ameazada a súa posición privilexiada e sentían medo de ter que vivir nun mundo máis igual e solidario. Contaba o grande Isaac Díaz Pardo, quen marchou a comezos de xaneiro, que fusilado seu pai tivo que esconderse durante meses na casa de seu tío na Coruña e que por iso puido sortear o espírito da Gadaña, que saía a pasear da man dos militares polos carreiros do país. Outros non tiveron a mesma sorte e remataron no paredón por roxos, anarquistas, “desviados” (tradúzase da linguaxe fascista á actual coma homosexuais), etc.

Eses milleiros de persoas abandonaron o “mundo real” coa conciencia limpa, o corazón apreixado pensando nas persoas as que querían e feridos por roubárselles un goberno elixido polo pobo. E por aí andaran os seus ósos, nalgún anaco de terra. E agora a ONU ven de posicionarse afirmando que o goberno, sexa das gaivotas, das rosas ou da flor ou animal que se prece, ten a obriga (OBRIGA, en maiúsculas) de investigar e atopar eses osiños e aclarar que foi o que aconteceu daquela, por tratarse de crimes á humanidade, que tal e coma o noso intelixente e admirábel Garzón sostivo sempre, eses crimes non prescriben nunca. Habería que ver que acontecería se esa teoría da ocultación que levan a cabo os descendentes do gatillo fácil do 36 se aplicase a outros xenocidios da historia europea. A ver como repostaría o pobo xudeu, o bosnio de Srebrenica ou o pobo kurdo na Turquía. Claro que haberá quen sosterá que non é o mesmo matar roxos, anarquistas, galeguistas, vascos ou catalanistas que a outros por motivos de raza ou relixión… xa lles chegará o xuízo por tal afirmación, meus señores e señoras, non se apuren, que contoume deus que nin coa confesión a última hora salvaranse, que eu tamén teño contactos nas altas “esferas”. Ben, déixome de contos, lerias ou grazas (por favor, señor Arcebispo, se estas liñas non lle parecen suficientes para concederme a Apostasía é que anda chosco!!)

Paso á seguinte prezada persoa que perdemos estes días: o grande Tàpies, referente da arte contemporánea, sempre comprometido co seu pobo catalán, tanto a través da súa obra coma na súa militancia clandestina no PSUC. A guerra marcouno para sempre e por sorte a súa proxección internacional deulle un pouco de inmunidade fronte ao sistema represor franquista e ofreceu resistencia diaria, cadro a cadro, de pintura en pintura.

Do terceiro… que dicir de quen marcou a miña infancia, chea de populismo galeguista de quen foi ministro de Franco, quen relacionouse con eses da represión que fixeron saír do país aos máis importantes intelectuais e que “pasearon” a persoas en corredoiras e camiños? Escribo sobre Fraga dende o respeto mais tan só deixo unha reflexión. Na Alemaña existen arquivos, con nomes das persoas que traballaron nas SS e para o réxime; memoria histórica ao fin e cabo e a ninguén se lle pasa pola cabeza que alguén que traballou para a organización do réxime ditatorial poda na actualidade ter algún cargo político, por pequeno que sexa, inda que lave ben as mans ou confese os pecados e se lle conceda unha alma limpiña de novo.

Risa dá a sociedade que inhabilita a insubmisos por non querer aprender a matar aos seus semellantes ou a xuíces que investigan a corruptos e asasinos, máis non inhabilita (nin sequera apuntan a pensar na posibilidade) aos cargos públicos cómplices da etapa de represión ideolóxica da nosa historia como estado. Pero ben, que agardar de un estado que gasta 6,4 millóns nun dicionario biográfico que sostén que Franco non era totalitario! Esta vez non río por non chorar porque xa son tantos os absurdos e abusos da dobre vara de medir que xa non me quedan bágoas no tanque do ollo.

Grazas aos dous primeiros homes pola súa valía e traballo polo pobo e liberdades individuais. O terceiro, que descanse en paz. Saúde e República.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/mortes-alba-lopez-sanchez/idEdicion-2012-02-22/idNoticia-732202/