Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

Pronunciamento da Iniciativa Galega pola Memoria

Iniciativa Galega pola Memoria, | 28 febrero 2012

Sobre a derrogación da lei de amnistía, procesamento a Garzón e as homenaxes institucionais a Manuel Fraga

 

A ONU, a través da oficina en Xenebra da Alta Comisionada para os Dereitos Humanos, emitiu unha nota pedindo ao Estado español a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 porque incumpre a normativa internacional en materia de dereitos humanos.

«España está obrigada, baixo a lei internacional, a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar aos responsables se aínda están vivos», afirmou o seu voceiro Rupert Colville, durante unha rolda de prensa celebrada o 9/02/2012 naquela cidade suíza.

Ademais, segundo a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, existe un deber cara as vítimas, que teñen «dereito de reparación».

Colville lembrou que, conforme unha recomendación de 2009 da Comisión de Dereitos Humanos da ONU, «España debe derrogar a súa Lei de Amnistía, posto que non está conforme coas leis internacionais de dereitos humanos». A devandita recomendación, elaborada por 18 expertos da organización internacional, toma como base o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado polo Estado español no ano 1985.

ñ  A Iniciativa Galega pola Memoria apoia de xeito incondicional o pronunciamento da Alta Comisionada a prol da inmediata derrogación da Lei de Amnistía do ano 1977, e fai un chamamento a todos os colectivos de memoria, organismos sociais, sindicatos, partidos políticos e á cidadanía en xeral para que, de maneira unitaria, se sitúe este obxectivo político na máxima prioridade das mobilizacións populares e accións parlamentarias. Ao tempo, declarase en contra do inxusto procesamento do xuíz Baltasar Garzón por pretender investigar os crimes do franquismo, entendido aquel como unha manifestación máis da impunidade que na actualidade disfrutan os responsables da represión exercida pola Ditadura franquista.

ñ  En consecuencia, a Iniciativa Galega pola Memoria é así mesmo contraria a todo tipo de homenaxe pública a representantes do réxime franquista de recoñecida traxectoria represiva, así como ás tentativas de agachar ou deturpar os feitos dos que foron protagonistas. En concreto, a campaña do PP para institucionalizar sen mácula a figura do ex ministro de Franco Sr. Fraga Iribarne, é particularmente inxustificable. Neste sentido, a Iniciativa Galega pola Memoria fará pública a súa oposición a calquera evento destas características, instando a todos os partidos e organizacións sociais que se reclaman do antifranquismo a poñer por diante a memoria das vítimas da Ditadura e a non ser participes de iniciativas indignas que, ademais, van en sentido contrario ás aspiracións de maior xustiza e liberdade para os pobos e para as persoas.

 

Asemblea da Iniciativa Galega pola Memoria, Compostela. 25 de febreiro de 2012

(en representación de 11 colectivos de toda Galicia)

http://www.igmemoria.org/taboeiro/pronunciamentodaigmsobreaderrogaciondaleideamnistiaprocesamentoagarzoneashomenaxesinstitucionaisamanuelfraga