Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

O fascismo fixo mártir a Galiza

Xabier P. Igrexas. Sermos Galiza, 17-08-2013 | 18 agosto 2013

_PrSermosGalizaO 17 de agosto non afirmarmos vontade algunha de martirio. Reivindicamos as causas polas que mataron aos nosos mártires

 

 

Lía esta noite nunha coñecida rede social un debate arredor da presunta necesidade de mudar a denominación do 17 de agosto como “Día da Galiza Mártir”. O principal argumento para tal emenda era que o martirio –loxicamente– producía arrepíos e que podía interpretarse en chave de reivindicación do mesmo. Houbo quen engadiu a falsa xustificación da permanente necesidade de o renovar todo, insistindo na equivocación de mudar significados cambiando os significantes, para os facer máis asumíbeis. Máis dixeríbeis. A vella renuncia de sempre, apenas vernizada de modernidade transgresora.

O certo é que cando a Irmandade Galega en 1942 proclama desde Bos Aires, a proposta de Castelao, o Día da Galiza Mártir, non o fai para reivindicar en chave propositiva o martirio padecido por Alexandre Bóveda 8 anos antes ao ser fusilado polo franquismo na Caeira (Poio). Non. O pretenso era ben outro. O Día da Galiza Mártir institúese para evitar o esquecemento, como vacina contra a amnesia que mantivese fresca na memoria aos mártires que fixo o fascismo na nosa terra. Para lembrar e honrar sempre a quen deu a vida, sen pretendelo, polo noso pobo. Para facer dos cadáveres sementes de vitoria.

Entendo os arrepíos. Mais existiu unha Galiza forzosamente mártir. A que sufriu os embates cruentos do españolismo nacional-católico que inzou as marxes dos nosos camiños e estradas de cadáveres, que torturou e perseguiu, que amedrentou e reprimiu. Arrepía, si. Porén, é preciso mantermos vivo ese arrepío conmovedor para que serva de alento que desde o exercicio activo da memoria, por dolorosa ou incómoda que sexa, nos dea azos para teimar en que aquilo nunca volva suceder.

O 17 de agosto non afirmarmos vontade algunha de martirio. Reivindicamos, iso si, as causas polas que mataron aos nosos mártires

“A historia manda, sexan quen sexan os seus malfeitores, e a paixón e morte de Bóveda están nela para sempre, erguida, viva, luminosa, porque as súas ideas limpas, claras, nobres non puideron matalas, florecerán mañá (…)” así rezaba a petición dun grupo de galegos emigrados dirixida a Xerardo Álvarez Gallego para que escribise un libro sobre Bóveda.

O 17 de agosto non afirmarmos vontade algunha de martirio. Reivindicamos, iso si, as causas polas que mataron aos nosos mártires. Clamamos contra a inxustiza que condenou a moitas e moitos compatriotas a o ser. Rendemos tributo ao xeneroso e entregado compromiso dos Bóveda, dos Casal, dos Quintanilla, dos Casas, dos Reboiras…

Non por casual este ano o Premio “Galiza Mártir” da Fundación Alexandre Bóveda recoñecerá o proxecto “Nomes e voces”, que procura revelar o que aínda non sabemos da represión franquista  no noso país e poñer nome e recoller testemuños de quen a padeceron. Tarefa aínda necesaria cando os herdeiros do franquismo se negan a o condenar, como recentemente volveu certificar o Alcalde de Baralla.

O verdadeiramente arrepiante é termos medo a chamarlle ás cousas polo seu nome

Nestes tempos de obsolescencia programada (seica tamén no ideolóxico), de totalitarismo da heterodoxia obrigatoria, algúns teiman en fuxir da realidade material, evitando enfrontar a dificultade e a necesidade de a transformar. Mais o verdadeiramente arrepiante é termos medo a chamarlle ás cousas polo seu nome. Por pouco moderno ou zen que sexa. Pois a verdade é sempre revolucionaria.

www.contradiscurso.net

http://www.sermosgaliza.com/opinion/xabier-p-igrexas/fascismo-fixo-martir-galiza/20130817041729018196.html