Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Noticias

Morre Ascensión Concheiro, a Chonchiña de “O lapis do carpinteiro”

Sermos Galiza.com, | 3 septiembre 2013

2013090210375456878Morreu en México aos cen anos, o país do seu exilio ao que regresara en 2012

 

 

Chonchiña con Comesaña

A biografía de Ascensión Concheiro podería ser unha das esquecidas historias da represión franquista se non fora porque Manuel Rivas a levou á literatura en O lapis do carpinteiro. Ascensión Concheiro, Chonchiña, morreu en México aos cen anos, o país do seu exilio ao que regresara en 2012.

Chonchiña, como era coñecida Ascensión Concheiro, viviu en Tui até poucos anos antes da súa morte, acontecida neste peche de agosto en México a pouco de ter feito os cen anos. Tui foi o lugar do regreso xunto con Francisco Comesaña, o médico comunista co que compartiu a súa vida e protagonizou a intensa historia que Rivas novelou. A México regresou hai apenas dous anos, para vivir a súa última etapa na compaña da súa filla, instalada xa para sempre no país do exilio dos pais.

Con Francisco Comesaña partillara unha intensa historia de amor e resistencia que Manuel Rivas levou a novela en O lapis do carpinteiro e Antón Reixa ao cine na película do mesmo nome. Médico Comunista, Francisco Comesaña estivo preso na cadea de Compostela, entre outros, con Manuel Calvelo e Isabel Ríos e esta mesma lembra nas súas memorias as visitas de Ascensión Concheiro ao cárcere e a súa solidariedade cos demais presos. Como no caso de Isabel Ríos, tamén a Francisco Comesaña a sentenza de morte foille conmutada por cadea perpetua e despois dun tempo en diversas cadeas franquistas, a parella, casada por poderes, atopa a liberdade no seu exilio en Cuba e México até o seu regreso a Tui en 1975.

«Isabel Ríos lembra nas súas memorias as visitas de Ascensión Concheiro ao cárcere e a súa solidariedade cos demais presos»

Natural de Ordes, onde nacera en 1913, Chonchiña coñece a Francisco Comesaña en Compostela, cando tiña dezasete anos e xa era secretario das Xuventudes Socialistas en Santiago. O 26 de xullo de 1936, cando van xuntos para que coñeza ela coñeza á nai del, Comesaña é detido e encarcelado en Santiago onde a presión do goberno cubano -el nacera en Cuba- fai que a pena de morte de fora conmutada por cadea perpetua.  Casados por poderes, Conchiña e Paco a primeira convivencia despois do matrimonio foi a viaxe en tren dos cárceres de Valencia a Vigo, baixo a custodia da Garda Civil, episodio que Rivas narraría na súa novela.

Máis de trinta anos vivirían en México, onde Conchiña Comesaña participaría na Asociación de Mulleres Antifascistas Mariana Pineda.

No congreso, O Exilio Galego, celebrado en Pontevedra no 1999, Ascensión Concheiro foi homenaxeada canda Mariví Villaverde como símbolo das mulleres que sufriron o exilio para fuxiren da represión franquista.

http://www.sermosgaliza.com/articulo/cultura/morre-ascension-concheiro-chonchina-lapis-do-carpinteiro/20130902104419018549.html