Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Agenda, Artículos y Documentos

Por que en Montecubeiro?

Sermos Galiza, 13-10-2013 | 14 octubre 2013

_PrSermosGalizaMontecubeiro foi un inferno naquel 1937 no que se produciu a matanza de quince mulleres e homes asasinadas polo franquismo

 

Montecubeiro queda a uns 20 quilómetros de Baralla. Montecubeiro foi un inferno naquel 1937 no que se produciu a matanza de quince mulleres e homes asasinadas polo franquismo. Con biografías que desdín ao alcalde de Baralla. Nada fixeran. Montecubeiro é, por iso, o lugar elixido para honrar as vítimas e reclamar xustiza pola represión que comezou co golpe militar do 36.

Unha grande pedra de dez toneladas de peso recolle o nome das quince persoas asasinadas en Montecubeiro. Tres son mulleres. Ao pé do monumento promovido por Manuel Sarille, irmá de Carme, unha das asasinadas, vaise realizar este día 13 de outubro o acto nacional convocado pola Iniciativa pola Memoria en desagravio e homenaxe ás vítimas, de condena da impunidade e contra a apoloxía do franquismo. Reclamarase, máis unha vez, a derrogación da Lei de Amnistía do 77 que ergueu un muro de silencio e deixou libres aos asasinos.

«As mozas Virxinia Meilán, Manuela Graña e Carme Sarille foron das primeiras asasinadas»

En Montecubeiro a memoria das quince persoas asasinadas latexa aínda, ao pé da antiga casa da Unión de Labradores na que se quería montar unha biblioteca durante a República. O franquismo cebouse con saña nesta parroquia de Castroverde de onde era viciño Bonifacio Sarille Lenceiro, líder da Unión de Labradores que canda dous compañeiros fuxiron ao monte despois do golpe militar, o que alertou aos sublevados da posíbel creación dun grupo de resistencia na zona. O masacre veu despois, para rematar con calquera fasquía dun tempo no que en Montecubeiro se soñaba coa forza revolucionaria dunha biblioteca.

As tres mulleres foron das primeiras vítimas do masacre. A costureira Virxinia Meilán -acusada de ter un amante- a moza que intervira nun acto dun primeiro de maio, Manuela Graña e mais Carme Sarille Lenceiro, irmá de Bonifacio, o mozo fuxido, mais tamén de Manuel, o supervivente que perseguiría unha teima o resto da súa vida: recuperar a memoria das vítimas. “Entre os toxos, sobre a neve, na seca e nas enxurradas, / tres mapoulas iluminan/ noite e día Montecubeiro:/ Virxinia, Carmen, Manuela./ Eran fermosas como pétalos. / Perduran como penedos”. Son versos de Claudio Rodríguez Fer dedicados á memoria das tres mozas masacradas na parroquia de Castroverde, unha das voces que se sentirá na homenaxe ás vítimas do franquismo deste domingo.

O sobriño de Carmen e Bonifacio e fillo de Manuel, Xosé Manuel Sarille -ex-presidente da Mesa- escribiría a historia dos seus na novela Polos fillos dos fillos, publicada en 2004, aínda vivo seu pai, testemuña de excepción do masacre.

Canda as tres mulleres, quitáronlle a vida a dous irmáns de Manuela, Manuel e Xosé Graña Rico, ao directivo da Unión de Labradores, Antonio Pereira, ao fillo dun mestre paseado tamén no 36, Xosé Palmeiro, ao labrego Manuel López, ao barbeiro Xosé Freire, ao mestre de San Bernabé, Arximiro Rico ou ao muiñeiro Xosé Veiga López: até quince nomes de vítimas que non cometeran máis delito que o de confiar nun mundo mellor.

Entre eles, Arximiro Rico, mestre e promotor do teatro popular, unha figura que ten estudado o profesor Narciso de Gabriel nun libro sobre a súa figura no que narra o brutal asasinato. “E na serra de Montecubeiro aconteceu o que resulta máis estremecedor. Cortáronlle os testículos. Quitáronlle os ollos. Cortáronlle a lingua. E rematárono a paus e a tiros de escopeta,” escribe de Gabriel do mestre exemplar que foi substituído pola filla dun dos que participou no seu “paseo”.

Por que Montecubeiro? A só vinte quilómetros de Baralla sitúase esta parroquia de Castroverde na que os anos non poden cunha memoria tráxica e inxusta que masacrou a quince veciños e veciñas, xente nova e con ilusións das que ninguén foi quen de transmitir maldade algunha. Montecubeiro, porque ao pé da grande pedra cos seus nomes o “será porque o merecían” do alcalde de Baralla síntese aínda máis lacerante.

http://www.sermosgaliza.com/articulo/memoria/montecubeiro/20131012192725019959.html