Federación Foros por la Memoria
Comunicados y Documentos de la Federación
Noticias
Agenda
Artículos y Documentos
Home » Artículos y Documentos

Nin un euro polo pazo de Meirás

Manuel Monge. La Voz de Galicia, | 22 marzo 2018

É difícil conseguir a unanimidade das forzas políticas

 

MANUEL MONGE

SOCIÓLOGO, EXPRESIDENTE DA COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA 19/03/2018

É difícil conseguir a unanimidade das forzas políticas, mais produciuse o milagre e hoxe hai unanimidade: non hai que pagar nin un euro pola recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público de Galicia. É o resultado dun traballo informativo e de mobilización cívica iniciado no ano 2004 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña cun lema moi sinxelo e claro: devolución. Tamén axudou a declaración por parte da Xunta gobernada polo bipartito do pazo de Meirás como BIC, que limitaba posíbeis actuacións futuras. A familia resistíase a devolver o pazo e foi declarada «non grata» polo pleno de Sada. O novo Plan Xeral de Urbanismo de Sada tamén dificulta operacións especulativas. E, finalmente, a Xunta impuña multas á familia Franco por incumprimento do réxime de visitas como BIC e puña en coñecemento da Fiscalía a utilización do pazo para facer apoloxía do franquismo.

O proceso de unidade culminaba coa incorporación da Deputación da Coruña á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás (resposta política á Junta pro pazo del Caudillo de 1938), así como concellos, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións. O pleno da Deputación da Coruña e esa Xunta pro Devolución sinalaban como obxectivo: «lograr a súa devolución e incorporación ao patrimonio público». En termos semellantes manifestábase por unanimidade o Parlamento de Galicia. Aquí non houbo unha doazón a un particular, senón entrega do pazo a Franco como Xefe do Estado e así era recollido no documento asinado por Franco o 5 de decembro de 1938: «ofrenda-donación de las Torres de Meirás al fundador del nuevo imperio, Jefe del Estado». A chamada «subscrición popular» para recadar fondos non tiña nada de voluntaria, senón que estivo sustentada en coaccións sobre traballadores, expropiación forzada de fincas e casas limítrofes co pazo, concellos que pagaron o 5% da contribución recadada. O espolio continuou levando a Meirás as torres de Bendaña do concello de Dodro; escudos, cruceiros e hórreos; un camión do exército trasladaba a Meirás, por orde da esposa de Franco, dúas pías da igrexa de Moraime (Muxía); tallas de Isaac e Abraham, que estaban no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, obra do Mestre Mateo, etcétera.

Un informe xurídico de Xabier Ferreira, profesor da USC, encargado pola Deputación da Coruña, sinala que foi unha compra fraudulenta (contrato simulado), que sería mula. Estariamos ante unha propiedade froito dunha apropiación ilícita. A batalla de Meirás non se vai gañar só con informes históricos e xurídicos, senón coa mobilización cívica e a unidade da Xunta, Deputación e concellos, non caendo en trampas e mantendo o seu compromiso pola recuperación do pazo de Meirás: nin un euro para a familia Franco polo pazo de Meirás. Que tomen boa nota se queren vendelo.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/03/19/nin-euro-polo-pazo-meiras/0003_201803G19P13993.htm