Artículos y Documentos

As foxas: a memoria do franquismo. RECUPERAR A DIGNIDADE
Galicia Hoxe - 2/01/2004



FOTO: Miguel Cardeñas
Os restos do 'maqui´ Miguel Cardeñas foron exhumados en Soutadoiro


A primeira exhumación dun represaliado en Galicia descobre ó 'maqui' andaluz, Miguel Cardeñas, unha esperanza para as 130 familias ourensanas que reclaman o paradoiro dos seus familiares; nunha semana de homenaxes no Congreso da man da oposición ós dammnificados na Guerra Civil e a celebración dun Encontro en Narón, con Manuel Rivas e o historiador Harmut Heine.


      A\\no 1949. Montes de Soutadoiro, en Ourense. Un tiro na cabeza mata ó guerilleiro andaluz, Miguel Cardeñas. Agora 54 anos despois, o seu corpo é recuperado polos seus netos en terras galegas o pasado 12 de setembro, sendo o primeiro guerrilleiro que se exhuma en Galicia da man da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).
      En plena Guerra Civil, a familia Cardeñas perde toda noticia sobre o pai de familia, a quen tomaron preso e formularon un Consello de Guerra, condeándoo a unha pena de 30 anos. Tras parar no cárcere de Xaén, comeza un periplo polo resto de prisións do norte de España, como a de Burgos, ata chegar ó destacamento penal nas minas de wolfranio de Casaio, mineral que Franco enviaba a Hitler para a construcción de tanques e corazas. De alí, tardou pouco en fugarse e acabar formando parte do movemento guerrilleiro que operaba dacabalo entre a serra do Eixe e as montañas leonesas.
      Tras averiguar en marzo que o seu avó loitaba pola liberdade como guerrilleiro, os seus netos de Linares reciben en xullo unha carta de Santiago Macías, vicepresidente da ARMH. Nela infórmalles que tras investigar no Arquivo Histórico de Ferrol descobre o nome dun andaluz Miguel Cardeñas, casado con Emilia Cantudo, polo que dirixe unha carta 'ó nome do meu pai, Juan Cardeñas Cantudo'' di o neto xienense.
      Cardeñas non fora o único en fugarse do destacamento penal nas minas de wolframio de Casaio, onde redimía a súa condena en 1944, mais foi o único que tivo como compañeiro de armas a Manuel Girón Bazán, acurralado e abatido polos homes do comandante Miguel Arricivita Vidondo, en 1951, preto de Ponferrada. Daquela, Miguel Cardeñas Lozano xa levaba dous anos morto e soterrado nunha foxa nas contornas da aldea de Soutadoiro, en Carballeda de Valdeorras.
      Tralo envío de fotos e identificacións de Miguel Cardeñas a Macías, chega unha última nova. Un contacto da Asociación, que quería exhumar ó seu tío 'cre saber onde está enterrado o 'maqui andaluz', na súa aldea en Soutadorio'' explica o neto. Macías 'envíame un e-mail con esta información, ¡eu xa sabía onde estaba o meu avó enterrado!''. Este verán o 12 de setembro 'desprazámonos a Ourense, a Carballeda para sacalos restos'' alí foron guiados por tres anciáns da aldea, un deles descubrira de mozo o costelar dun home, que marcou con pedras día tras día lembrando a historia que lle contara a súa nai, de que alí estaba enterrado o maqui andaluz.
      O caso de Miguel Cardeñas é segundo algunhas investigacións unha excepción no contexto da represión na provincia de Ourense e en Valdeorras. Foi un guerrillerio e foi executado misteriosamente dun disparo na cabeza, presumiblemente por algún dos seus compañeiros. No trasfondo da desbandada e a caída de enlaces e guerrilleiros que seguíu ao ataque da 'forza pública' á Cidade da Selva (1946), nos montes de Casaio, dous personaxes fixeron a súa aparición para controlar e manexar os retallos da guerrilla á vontade do PCE: Manuel Fernández Soto, alcumado o Coronel Benito, e Saúl Mayo. Foi este último, O Saúl o que fixo asasinar a Ceferino Rodríguez Arias, medio irmán do Bailarín de Casaio e a Miguel Cardeñas Lozano, ex-guerrillerio da Federación, segundo sinala o tamén guerrilleiro Francisco Martínez López na obra de Secundino Serrano Crónica de los últimos guerrilleros leoneses. E, dacordo co testemuño de López, foi Enrique Yáñez Álvarez El Chaval, compañeiro de armas dos anteriores, a man executora do maquis andaluz.
      Xa entre a maleza que agochaba as terras de Soutadoiro, Miguel Cardeñas neto comezou a busca un 12 de setembro xunto á alcaldesa de Carballeda, María del Carmen González e os membros de ARMH. Entre a desemesurada vexetación, todos dirixían a súa vista ós montículos de pedras, ata que o acharon. Coa súa aparición e posterior exhumación remataba unha busca de 54 anos de silencio e incertidume para a súa familia e abríase unha nova xeira de esperanza para as máis de 130 familias que teñen reclamado a axuda da ARMH na provincia de Ourense para procurar o paradoiro dalgún dos seus familiares desaparecidos.
      Mentres a familia Cardeñas está á espera dos resultados dos restos do seu avó, que están a a ser estudiados por un grupo de forenses de Verín quenes 'determinarán as causas exactas da súa morte, posibles enfermidades, idade'' dixo o neto quen espera 'baixar os restos a Linares para soterralos xunto ós do seu fillo, cumprir a promesa de que pai e fillo descansen xuntos''.
      Son moitas as historias de desaparecidos que se poden relatar, pero a seguinte posiblemente influiu na decisión de Esther Trasorras á hora de ser colaborar coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica en Galicia. Un concelleiro republicano na Pastoriza (Lugo) en xullo de 1936. Activa unha cooperativa de pesa de xatos e compra-venda de pensos. Un adiantadado no seu tempo que busca o progreso para Galicia. Un proxecto, que queda truncado pola represión franquista. Toda a corporación republicana do lugar fuxe, agóchase no monte. O político consegue escapar e sobrevive gracias a algúns contactos. El é o avó de Esther Trasorras, a presidenta da ARMH en Galicia.
      Para a representante, que está inmersa na ardua tarefa de legalizar o colectivo fronte a dúas negativas xa recibidas, pensa que á Administración 'lle parece incómoda a nosa entrada'' e que 'trata de poñer os máximos impedimentos''. O colectivo, que colabora na celebración do Congreso da Memoria en Narón, solicita un maior acceso ós arquivo e poder contar cun apoio económico pero considera fundamental 'o traballo dos historiadores que teñen que aportar datos para a investigación en Galicia'' di Trasorras.
      Entre os obxectivos que baralla a Asociación galega están 'o tema das nomenclaturas de carácter franquista, onde os vencidos continúan á sombra dos caídos pola patria, como é o Juan Canalejo, que era da Falange Española'' e entablar 'contacto coa Administración e os partidos políticos'' e 'anular os xuízos, analizando os casos dos represaliados, para recuperar a honra dos seus nomes e apelidos'' comentou a presidenta.
      'Galicia está sementada de mortos'', di Esther Trasorras, quen considera as exhumacións 'un acto de valentía da familia, que igual convive na mesma aldea co asasino do seu familiar''. Moitos dos soterrados están nos adros das igrexas ou rente aos valos dos cemiterios. Noutros casos só a memoria dos máis vellos serve para localizar foxas en campo aberto.

O Congreso de Narón non esquece

Co fin de recuperar un pasado e baixo a idea da continuidade nace o Congreso da Memoria 'A represión franquista en Galicia' que hoxe pecha as súas xornadas en Narón tras catro días de indagación arredor da mecánica da opresión, os represaliados e represaliadas e as súas zonas de actuación en Galicia.
      O Encontro, organizado pola Asociación Cultural 'Memoria Histórica Democrática', foi inaugurado polo empresario Isaac Díaz Pardo e o escritor Manuel Rivas. A primeira conferencia correu a cargo do historiador alemán, Hartmut Heine, autor dun traballo pioneiro en Galicia, A guerrilla antifraquista en Galicia.
      
O escritor de O partido comunista de España durante o primeiro franquismo, aproveita estes días para recompilar máis información arredor deste tema en diversos arquivos, ante a iniciativa proposta por unha editorial para publicarlle un novo libro 'máis amplo e cuns análises máis acertados'' gracias a que 'agora as fontes son máis accesibles'' confesa. O historiador alemán di perseguir dende 'hai 30 anos todo movemento de oposición ó franquismo'' e tenta viaxar dúas veces ó ano a Galicia para recavar máis datos. 'O meu interese naceu por cuestións sentimentais'' porque nun principio 'interesábame toda España pero tiven que decidirme, e contando coa axuda de dous amigos en Londres, que me axudaron no plan loxístico, parando nas súas casas optei por Galicia''.
      Tamén estivo presente, Manuel Rivas, quen inaugurou xunto ó galeguista Isaac Díaz Pardo o Congresode Narón. O escritor considerou a desmemoria 'o peor virus do pobo'' cun efecto que comparou'co dos vermes que se meten nos ordenadores e borran os discos duros''. O encargado de inaugurar o Congreso polo que pasaron esta fin de semana expertos de todo o mundo na Guerra Civil e a represión demandou a 'presencia no presente da memoria democrática, nas escolas, nos medios de comunicación''. Este é o único camiño, dixo, 'para honrar os que loitaron pola liberdade'' e combater a tendencia dos gobernantes de 'reducir ó limbo do esquecemento unha fonte imprescindible de enerxía para o futuro''.
      'Somos o que recordamos'' sentenciou Rivas, para reclamar o 'valor defuturo da memoria, que non equivale a nostalxia'' antes de denunciar contradiccións como que 'existan loitadores pola democracia honrados cunha rúa en París e ignorados no seu lugar de nacemento''.
      O Congreso, organizado pola Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, pretende constituir un foro plural e participativo no que as persoas e institucións interesadas na recuperación da memoria histórica poidan aportar novos datos e investigacións sobre o tema, sempre inconcluso. Historiadores de toda Galicia e algúns de fóra (como Marcelino Laruelo, de Asturias, e Evelia Vega, de Alcalá de Henares) expuxeron os seus traballos de investigación sobre a represión en Galicia. Entre os ponentes participaron profesores universitarios das tres universidades galegas, profesores de ensino secundario, historiadores e arquiveiros. Ademais depersoas que padeceron a represión e o exilio en primeira persoa, como son a escritora Mariví Villaverde ou Francisco Pita Barges. Para rematar hoxe o Congreso celebra un gran homenaxe na igrexa do Val (Narón) e haberá un Recital Poético a cargo do Grupo de Poetas das Redes Escarlata, coa presencia de Alberte Momán, Mon Buhigas, Antón Lopo, Asun Arias, Elvira Riveiro, Oriana Méndez, Chus Pato, Xabier Cordal, Antón Doba, Claudio Pato e Luz Fandiño entre outros.

'O ouro da República está nos paredóns'

Os represaliados do franquismo recibiron o pasado 1 de decembro no Congreso unha emotiva homenaxe, organizado polos grupos da oposición, no cal reivindicaron a memoria das atrocidades que sufriron durante a Guerra Civil e a dictadura franquista e reclamaron o seu dereito a 'non esquecer'', aínda que xa perdoasen.
      Ó acto asistiron máis de 300 persoas -ex presos republicanos, exiliados, nenos da guerra, familiares de fusilados- cuxas voces escoitáronse na Sala de Columnas do Congreso para lembrar os duros episodios das súas vivencias e pedir un recoñecemento que cren de xustiza pola súa contribución á defensa das liberdades. As intervencións dos representantes dunha trintena de asociacións estiveron salpicadas de emoción, aplausos e bágoas.
      A xornalista Rosa María Mateo, comezou cun minuto de silencio en lembranza ós sete militares españois mortos en Iraq. Seguiu a intervención de cada un dos portavoces dos grupos organizadores do evento, todos da oposición, xa que o PP decidiu non participar no acto, o que suscitou duras críticas nos discursos, tanto dos políticos como dos homenaxeados. E para ó que Manuel Rivas tamén tivo palabras dicindo que se demostra que 'atravesamos un momento no que o poder frea e despreza o pasado democrático'', dando lugar a unha 'situación contradictoria'' que fai 'especialmente relevante este labor de compilación que aquí celebramos''.
      O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez lembrou a figura de Emilio Castelao e outros nacionalistas galegos exiliados e mortos como Bóveda. O portavoz do PSOE, Jesús Caldera, subliñou que a sociedade española ten unha 'débeda histórica'' con estas persoas que 'deron o mellor'' de si mesmos polas liberdades. Felipe Alcaraz, de IU, lles dixo que a súa loita foi 'impagable''. O discurso de Iñaki Anasagasti (PNV) foi un dos máis aplaudidos, sobre todo cando proclamou que o 'ouro'' da República estaba naquel acto, emulando as palabras do socialista Julián Besteiro ós seus interrogadores: 'O ouro da República está nos paredons, nos cemiterios e no exilio''.